María Obelleiro . O pasado 25 de novembbro o PPdeG e varios dirixentes socialistas criticaron unha campaña promovida pola Universidade da Coriuña. Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964), directora do Servizo de Normalización Lingüística da UdC, explica o contido da campaña sobre a lingua.
“Arma política”, así cualificou o PPdeG unha campaña que ao seu ver “estigmatiza as mulleres que libremente usan o castelán”. Pero as críticas á iniciativa da Universidade da Coruña (UdC) non só procederon dos conservadores. A concelleira socialista Carme Marón tamén a censurou por vincular violencia de xénero e lingua. Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña, apuntou que o manifesto“non representa a opinión da deputación, nin do presidente nin do grupo de goberno”. Non toda a sociedade entendeu o significado da ‘violencia idiomática’ que presiona as mulleres para que se decanten polo castelán. Por que as mulleres adoptan unha lingua que as lexitime socialmente? Unha das maneiras de se protexeren é utilizar a lingua considerada de prestixio para seren menos criticadas porque as mulleres son máis vulnerábeis socialmente. E non é algo específico do caso galego. As mulleres foxen de todo o que pode ser un estigma e procuran utilizar esa norma, lingua ou pronuncia de prestixio para conseguir respecto. Esta situación afectoulles ás clases medias e elevadas, xa que as clases populares ao longo dos séculos só tiveron a posibilidade de aprender galego. Pódese falar de ‘violencia idiomática’ para que as mulleres abandonen o galego? Desde unha perspectiva social, por suposto. As mulleres abandonan o galego por presión social, por seren en certa maneira vítimas dun sistema que así o fai. Sempre se falou de violencia desde o grao máximo, de morte, de castigo físico... pero a violencia ten outros moitos chanzos e un deles é a presión social para que usen a norma ou a lingua de prestixio. Iso non significa que teñamos que culpar as nais que ensinaron en castelán os seus fillos e as súas fillas sendo elas galegofalantes. Como foi acollida a campaña? A campaña dirixíase desde o mundo universitario ás clases medias e elevadas para provocar a reflexión sobre a cuestión idiomática en relación ao xénero. Moita xente se achegou a nós para comentar que a súa percepción social xa era esa. Tamén foron moitas as persoas que deixaron textos e comentarios na páxina web da campaña. Así que podemos dicir que a campaña funcionou ben. Con todo, houbo algunhas interpretacións pouco relacionadas co noso discurso. Mesmo dixeron que acusamos os varóns e os castelanofalantes de maltratadores, pero en ningún momento acusamos os castelanofalantes. Houbo un interese, relacionado con cuestións políticas, de buscar un enfrontamento fácil ao terxiversar as palabras. A campaña quería render unha homenaxe a todas as mulleres vítimas a través da lingua porque a palabra moitas veces é utilizada para insultar e para descualificar. Nós simplemente procuramos a reflexión da sociedade para loitar contra a violencia e para chamar a atención sobre todas as situacións de dominio teñen unha ligazón. O que puxemos na campaña e no manifesto está en consonancia coa tradición do pensamento sociolingüística como coa tradición de pensamento nacionalista galego. Desde sempre, no nacionalismo houbo un intento de animar as mulleres a empregar a nosa lingua. Tiveron esas críticas que ver coa situación lingüística do Concello da Coruña? En xeral, houbo unha utilización como arma política fácil porque hai unha oposición clara a todo o que saia desde o concello e desde algún ámbito que intenta incidir na normalización. Esta non é a primeira vez que se manifestan publicamente respecto de cuestións que teñen que ver coa defensa do galego, pero os que están en belixerancia extrema en todo o que o galego ten acto de presenza non son representativos. Na cidade da Coruña existe hoxendía unha intención de conseguir que se restaure e se recupere o galego en determinados usos sociais de prestixio. Como mudar a relación entre lingua e xénero? Cómpre crear conciencia para conseguir que as mulleres utilicen o galego en todos os ámbitos e tratar de incentivar as medidas que promovan a reflexión. Ás veces necesítanse recursos e diñeiro para transformar a realidade, pero outras necesítase discurso e é aquí onde pode contribuír a universidade. Outra das maneiras é incentivar as mulleres a ler en galego e a ler pensamento en galego. Existe moi pouco coñecemento sociolingüístico e as veces a sociedade fai reflexións moi pouco serias, moi pouco fundamentadas e con moi pouco rigor respecto á situación das linguas.
Goretti Sanmartin.
Descargar Tarifas