Redacción . O Consello de Europa criticou no seu informe sobre linguas minoritarias os 'notorios atrasos' percibidos polos expertos nos casos xudiciais que se realizan en galego debido a que o Departamento Lingüístico da Xustiza galega 'dispón de nove tradutores para máis de 9.000 procedementos'.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Segundo explican no seu informe, sinala que, para que o proceso xudicial leve a cabo en galego, os lingüistas encárganse de traducir sentenzas e documentos o que "atrasa" as actuacións e "pospón a admisión de probas e procedementos".
Neste sentido, o Comité de Expertos sinalou que estes atrasos provocan que "os avogados alenten os seus clientes a empregar no seu lugar a lingua castelá", para axilizar o proceso.
Ademais, o informe reflexa que os casos nos cales empregouse o galego son "illados" e que os xuíces que deciden empregar este idioma "teñen dificultades debido á inexistencia de textos oficiais traducidos e de programas informáticos en galego".
Actitude negativa
Durante o seu traballo de campo en Galiza, o Comité de Expertos do Consello de Europa percibiu que "os xoves adoptan unha actitude negativa no que respecta á utilización do galego nos tribunais", segundo lles sinalaron representantes do sistema xudicial.
Así, o informe sinala que "apenas 10 dos 234 fiscais utilizan o galego", polo que, apunta, "cando un cidadán opta por empregar o galego en primeiro lugar, a solución proposta é recorrer aos servizos de intérpretes e tradutores, pero non esixirlle ao xuíz que empregue a lingua".
Con todo, os expertos recoñeceron o "esforzo" levado a cabo pola Xunta por "proporcionar formación lingüística apropiada aos xuíces e maxistrados" aínda que, aseguraron, "isto non entra en competencias do Goberno de Galiza, xa que estes funcionarios non dependen da administración autonómica".
Esixencias
O Consello de Europa instou as autoridades españolas a "modificar o marco xurídico" para que as autoridades xudiciais "leven a cabo os procedementos en galego a petición dunha parte" así como a tomar "as medidas necesarias para incrementar a porcentaxe de persoal da Administración de Xustiza de Galicia" que "poden empregar o galego".
Así mesmo, o Comité de Expertos fixo fincapé na necesidade de que os textos lexislativos poidan atoparse en galego así como os programas informáticos.
Descargar Tarifas