PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Dende hoxe até o domingo
A gran cita da industria cultural

Redacción .  Logo do éxito da anterior edición, en maio do ano pasado no Pazo de Exposicións de Pontevedra, volve Cultur.Gal, consolidado como o espazo de referencia para as industrias culturais galegas.

Reloxo 04.12.2008 | 10:42

Cartel do Cultur.Gal 2008 Cartel do Cultur.Gal 2008 Esquerda   1 / 2  Dereita   Desta volta, será o Pazo de Exposicións e Congresos (PALEXCO) da Coruña o que acolla o maior evento do ano en canto a produción cultural. Nesta segunda edición participan preto dun cento de empresas e entidades profesionais de diversos sectores: a música, as artes escénicas, o mundo editorial, pero tamén as artes plásticas máis innovadoras, a comunicación, as novas tecnoloxías e a dinamización lingüística ou sociocultural. Entre o 4 e o 7 de decembro, tanto profesionais como o público en xeral poden achegarse de balde.

Se na primeira edición, organizada pola Asociación Galega de Editores, Cultur.Gal estivo centrado na industria do libro, desta volta, organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte coa colaboración da AGE, acada maior diversificación, e consolídase como unha plataforma de encontro entre o público e a oferta cultural producida en Galiza, en todas as súas facetas. Ten como obxectivos darlle visibilidade ás diversas propostas das diferentes disciplinas artísticas, e afianzar un espazo de referencia e de encontro que sirva para tecer pontes e pór en contacto o público coa oferta, e os diferentes sectores entre si. Co fin de fomentar a interrelación e a cooperación, terán lugar diferentes xornadas e actividades profesionais.

Un dos eventos editoriais do ano


A literatura galega aproveita este acontecemento para pór nos expositores algunhas das novidades máis salientábeis: premios literarios, como o Narrativas Quentes (Os milagres de Cristamar, de Chelo Suárez), o Blanco Amor (Memoria das cidades sen luz será presentado pola súa autora, Inma López Silva), o Terra de Melide (O globo de Shakespeare, de Jaureguízar), os premios Xerais (Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra asinarán exemplares das súas obras), amais de poesía (Construcións, de Eduardo Estévez), ensaio (O natural é político, de Teresa Moure), banda deseñada (Gallaecia, de Urco editora) ou o último de Manuel Rivas, o libro de artigos A corpo aberto. Amais, asinarán libros Xesús Constenla, Xabier Docampo e Xosé Cobas, e Chano Eiroa, a súa Guía dos camiños do Eume.

Por outra banda, o foro Letras Vivas, encamiñado ao fomento da lectura, afondará, ao longo do sábado, en varias propostas de animación, dende a dinamización lingüística (Reverso), os contacontos (María Inés Cuadrado, Bugalú), o teatro e os monicreques (Duende Sico, A Locamotora, Seisdedos e Viravolta, Migallas) ou a educación non formal e o tempo libre (Argallando). O mesmo sábado terá lugar unha xornada profesional sobre o libro e a edición, en que se presentará a nova web da Asociación Galega de Editores. Tamén a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística organiza unha xornada para pór en contacto as empresas e entidades que xeran este tipo de servizos e produtos.

A música, un sector en alza


Cultur.Gal achegará unha boa mostra do vizoso tecido musical galego: dende a tradición até o hip hop, pasando polo rock ou o power pop. Amais da presenza regular de empresas e colectivos musicais ao longo da feira, preséntase, con ocasión deste evento, o disco de recompilación A música que facemos, con 16 temas de Ecléctica Ensemble, Bonovo, Roi Casal, Pai da Cana, Vaamonde, Lamas & Romero, Lizgairo, Mutenrohi, Galegoz, Ataque Escampe, Carmen Rey, Marcos Teira, Projecto Mourente, Som do Galpom,, Maryland, Sínefres e Chokoteu. Amais, nos dous primeiros días (xoves 4 e venres 5) desenvolveranse as II Xornadas da Industria Musical en Galiza, organizadas polas asociacións profesionais AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Non han faltar presentacións de novidades discográficas como Vellas Artes, de Vaamonde, Lamas & Romero, o CD homenaxe a Ricardo Portela (Foliada nas Rías Baixas), ou de proxectos como a Escola Sinsal.

Tamén terán lugar varios showcases, ou pequenos concertos para programadores musicais, todas as tardes da feira, agás a do domingo, a partir das 16.00. Participan unha vintena de grupos e artistas, varios deles participantes na iniciativa Nsaio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. A maior explosión musical chega na noite do sábado 6, a partir das 21.30, conducida por Belén Regueira e os gags de Chévere: soarán The Homens, Dios ke te Crew, Projecto Mourente, Marful, e O Sonoro Maxín, pero tamén intervirán dúas poetas ben coñecidas polo emprego de diversos soportes e linguaxes: Estíbaliz Espinosa e Yolanda Castaño. E para estimular tamén o sentido da vista (e mais o do humor), a creación plástica de Pancho Lapeña (Panchez) e Federico Martínez complementa este espectáculo, nomeado Music.Gal.

A produción audiovisual recente

Nada menos que un cento de producións cinematográficas galegas serán exhibidas dentro do programa Panorama Galiza. A proposta, elaborada pola Axencia Audiovisual Galega, abrangue longametraxes e curtametraxes de ficción, animación e documentais dos anos 2007 e 2008, na súa maioría de produción independente.

Por primeira vez o audiovisual galego superou a cifra de 100 curtametraxes realizadas nun ano, a maioría delas feitas á marxe da industria convencional. Tamén é de salientar o pulo do documental, e o incremento da produción directa en lingua galega. Panorama Galiza, do que xa puidemos coñecer un bocado no festival Cineuropa, ofrece unha ollada completa á creación audiovisual galega dos dous últimos anos. Entre as longas, poderemos ver os telefilmes O tesouro, de Manuel Martín Cuenca, O espello, de Alex Sampayo, Manciña morta, ábreme esta porta, de Ramón Costafreda, e A mariñeira, de Antón Dobao, e mais o filme dixital Maldito bastardo, de Javi Camino, realizado á marxe do cinema industrial convencional. Os documentais agrúpanse nos ciclos Etnovisións, Fábulas do real, Olladas de realidade, e Memoria histórica.

E no apartado de curtametraxes, "Alén da realidade", recolle creacións de xénero fantástico que exploran outros mundos. "Variacións ficcionais" ofrece narracións diversas, e "Galicia animada 2007", unha escolma das curtametraxes de animación producidas en Galiza. Tamén haberá ciclos temáticos de curtas, como "Do amor e outras soidades" ou "Cinema non reconciliado". E poderemos ver "Ópticas cruzadas", tres filmes realizados a catro mans entre cineastas de Cuba e Galiza.

E para os máis pequechos... Volve o porco bravo
O Cultur.Gal está aberto a todos os públicos, e este ano presenta unha programación especialmente coidada para os cativos. Conta cun convidado de honra: o mítico Xabarín da Televisión de Galicia fará a preestrea do espectáculo que ten preparado para a XabaXira 2009, o domingo ás 18.00.
Música, teatro e circo dan a man co título "Xeración Xabarín. A conxura do polbo sideral". Xunto a coñecido porco bravo estarán no escenario Josito Porto, Manolo Romón e Ángeles Lago, Pista Catro, Chévere, Pablo Trasno e Fredi.

Pero os pícaros tamén poderán experimentar coa animación en stop motion, con plastilina; coa maquillaxe; coa dobraxe de cinema; ou, os máis grandiños, co hip hop, da man de Serxio Regos, "García", un dos MC's máis destacados do hip hop galego. Non han faltar espectáculos pensados para eles, como os de Talía, Títeres Cachirulo, Os Quinquilláns, Matapiollos ou Migallas Teatro.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río