PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
POR UNHA REPENTINA DOENZA
Faleceu a Nai de Maio galega, Dionisia López Amado

Débora Campos BUENOS AIRES  Nunha fin de semana chuviñenta e triste, morreu este sábado Dionisia López Amado, 'a galega da zona norte', como ela mesma se presentaba. Integrante das Nais da Praza de Maio e fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles, levaba máis de 30 anos buscando ao seu fillo Antonio.

Reloxo 30.11.2008 | 20:01

Dionisa López Amado canda representante do BNG no exterior, Ana Miranda e Andrés Amado, do BNG de Betanzos Dionisa López Amado canda representante do BNG no exterior, Ana Miranda e Andrés Amado, do BNG de Betanzos Esquerda   1 / 11  Dereita  

“Morreu Dionisia”. A voz triste, apagada pola pena, espallouse por ducias e ducias de teléfonos e móbiles, nunha fin de semana apocalíptica, na que un dioivo caeu sobre a cidade de Bos Aires.
 
Se cadra, houbo quen recebiu a espantosa nova con sorpresa, con pasmo. A morte estivo sempre nas antípodas da vitalidade da galega Dionisia López Amado, integrante das Nais da Praza de Maio e fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles, que levaba máis de 30 anos buscando ao seu fillo Antonio. Outros sabían do malestar repentino na metade da semana, da consulta aos médicos, da peritonite e da gravidade do posoperatorio.

Para outros, a nova chegou polo correo electrónico: “Dionisia López Amado partiu a reunirse cos seus queridos Antonio e Stella. Deixounos como despedida a súa presenza constante na Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte, da que é Presidenta Honoraria, nas súas últimas actividades, coa súa enerxía, entusiasmo, coraxe e determinación militante.
 
Foise tranquila coa conciencia do deber cumprido, co agarimo da súa familia que lle deu a alegría dos netos e unha bisneta, aínda que non tivo xustiza para o seu fillo e a súa nora, soubo por innumerables bocas que non haberá volta atrás, que as Nais e Avóas, os Familiares, Fillos e Irmáns non deixarán que esa páxina cruel da nosa historia quede no esquecemento”. A comunicación leva a sinatura da Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza de Zona Norte.

Cedeira

Dionisia López Amado nacera en Cedeira no mes de febreiro do ano 1928. Tiña uns 24 anos e un fillo pequeno cando emigrou co seu home cara á promesa que, daquela, era a Arxentina. Moitas veces contou que, no seu caso, sairon da terra polo medo a unha terceira guerra mundial. Era o ano 1952 e ninguén aturaba, sequera a idea doutra guerra. Pero a vida sempre pode ser un pouco máis cruel ainda.

Levoulle outros 24 anos criar ao fillo, Antonio, sementando nel o respecto polos outros, o amor pola xustiza, a xenerosidade e a sensibilidade. Por todo iso, na noite do 15 de maio do ano 1976 a porta da casa na que vivían Antonio Díaz López e a súa dona Stella Maris foi derrubada por forzas militares do Exército que os levaron detidos.

Ela mesma foi quen reconstruiu eses derradeiros minutos: "Ás once e media da noite chegaron á casa do meu fillo camións do Exército cheos de soldados. Golpearon a porta. ¡Abran, carajo, es la policía! Non lles deron tempo a abrir. Metrallaron a porta. Colleron ao meu fillo e á miña nora en camisón e descalza. Tapáronlles a boca e atáronos con arames. Botaron un colchón nun camión e tumbáronos. Leváronos aos cuarteis de campo de Mayo. O meu fillo tiña unha ideoloxía, pero non tiña que ver coa guerrilla. Aínda que preferiría que morrese por loitar no que cría", narrou Dionisia diante do xuíz Baltasar Garzón.

Engadira, daquela: "Meu fillo era un namorado da fotografía e dos traballos manuais e traballaba como personal administrativo na empresa TKY en Villa Ballester. Fixeron desaparecer a unha xeración marabillosa. Para min, son 30.000 fillos. Por eles sigo viva, porque en cada un deles están Estela e Antonio".

A loita

Chorou polo fillo. Claro que chorou. Mesmo esta fin de semana, nos comentarios dun artigo sentido que escribiu o seu amigo Vicente Romero, a súa veciña Lorena Mediza lembraba: “Coñézoa desde que nacín. Vivimos parede por medio, veciña para os meus pais pero tía para min. Cando era nena, facíame omelettes e pasábamos pola parede do patio. Un patio ao que hoxe non podo saír por que a vexo chamando á gata, a Pompita –a súa cadela-, e á súa Boni -a tartaruga que tiña hai anos. Teño hoxe 32 anos e non podo crer que se vai, que non a vou escoitala máis insultar aos políticos corruptos, nin chamando aos seus animales, nin chorando ao seu fillo”.

Antonio, Stella Maris, e 30 mil rapaces e mozas, vellos e adultos, nenos e bebés foron secuestrados, torturados, asasinados e desaparecidos polos militares que protagonizaron o golpe de estado que remataría en 1983, logo dun xenocidio humano e económico organizado. Entre os que faltan, cóntanse 576 cidadáns de orixe española, dos que 300 eran galegos. Dionisia falaba de máis de 600, entre galegos e fillos de galegos que foron desaparecidos ou torturados.

"Algunhas nais quedaron na casa chorando, eu levei a miña loita á rúa. Houbo nais que descargaron no odio, eu descarguei coa loita", lembraba Dionisia. Ela certamente transformou a súa dor en loita. Integrante das Nais da Praza de Maio levaba o mítico pano que as identifica e, entre elas, era recoñecida como “a galega da zona norte”.

Foi ademáis fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles, e presidenta honoraria da Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza de Zona Norte.

E, con todo, non tiña odio no corazón. Moitas veces contou: “Non sinto odio porque o odio non deixa pensar, nin razonar nin amar e eu quero darlles moito amor aos meus netos e á miña bisneta", dicía. E engadía: “Eu non son coma eles, teño fame de xustiza pero non de venganza”.
 
"Non sinto odio porque o odio non deixa pensar"
 
O azar fixo que nestes derradeiros catro ou cinco días, os seus amigos galegos mais queridos estivesen na Arxentina. Todos pasaron visitala no hospital. Faláronlle, cantáronlle, fixéronlle aloumiños. Os prognósticos médicos non eran bos pero todos confiaban na forza dunha muller como non hai moitas.

Dionisia López Amado falaba con enerxía e sorría con picardía. Tiña unha voz na que o fume do tabaco deixara un ronroneo que, no seu falar, era agarimoso. Cantaba con ledicia e non era extraño vela bailar nos actos e festas da colectividade galega en Bos Aires. Amiga, confidente, nai de todos e avóa dos mais novos. Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis ca unha chea de órganos. É un compromiso.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río