Redacción . A Comisión de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, vén de aprobar a iniciativa do BNG que insta o Goberno a arbitrar mecanismos que aseguren a estabilidade dos prezos do leite pagados en orixe aos gandeiros.
A Comisión debateu unha proposición non de lei da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, para evitar a baixada dos prezos do leite en orixe e para extremar o control das importacións. A parlamentar nacionalista fixo posíbel o acordo unánime ao transaccionar un acordo co grupo socialista e co grupo popular porque, alegou, “pode ser satisfactorio para o sector lácteo”. O texto aprobado tamén empraza o Goberno a “mellorar os mecanismos para controlar o destino e utilización dos produtos lácteos procedentes de intercambios comunitarios”. Ademais, reclama que se defenda a permanencia de mecanismos de intervención sobre os derivados lácteos para contribuír á estabilidade do sector. Outro dos puntos insta o Goberno a “elaborar un paquete de medidas adicionais ás xa estabelecidas para o sector, de apoio específico a zonas singulares como zonas de clara vocación láctea e zonas de alta montaña”. Maior transparencia Tamén se require unha maior transparencia do mercado do leite que o sector sexa defendido na UE. No que atinxe á competencia do Estado, solicita o estudo e a adopción de medidas que lle outorguen maior transparencia ao mercado do leite, que eviten movementos especulativos e que artellen mecanismos que poidan contribuír a conseguir rendas dignas para os produtores e ofrecerlles aos consumidores unha información mellor. Por último, reclámase impulsar na Comisión Europea “a realización dun seguimento da evolución do mercado do leite de cara ás revisións intermedias do 2010 e 2012 para analizar o resultado das decisións adoptadas e, en todo caso, tomar medidas oportunas para colocar os produtores nas mesmas condicións para competir en calquera escenario que se produza no 2015”. Sistema de cotas inxusta Ademais, a nacionalista criticou duramente o sistema de cotas da UE porque “unha das causas que inciden no prezo do leite é o sistema de aumento lineal da cota para o 2008 a todos os Estados da UE por igual. O BNG sempre mantivo que iso non debería ser así porque se deberían atender as circunstancias específicas, sobre todo de territorios como o galego que pide máis cota para poder aumentar a produción”.
Granxa de vacas
A deputada do BNG fixo alusión aos acordos acadados o pasado 19 de novembro na UE respecto á revisión da Política Agraria Común (PAC), “decisións, recalcou, que van incidir na situación de crise pola que atravesa o sector lácteo”. Para Davila os acordos acadados sobre a PAC “tomáronse de costas ao sector” e considerou, que se desaproveitou a oportunidade “de adoptar políticas destinadas a corrixir os desequilibrios existentes e potenciar un sector que na Galiza ten grande importancia”.
Tamén lles trasladou aos membros da Comisión que “a situación dos prezos do leite está a provocar un gran descontento no sector, que teñen protagonizado mobilizacións para lle reclamar responsabilidades á Xunta cando estamos a falar de cuestións que son da competencia do Goberno central e da UE”.
Descargar Tarifas