Redacción . A ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Helena Espinosa, celebrou hoxe o acordo logrado polos vinte e sete esta mañá para a reforma da política agraria común porque, aínda que se mantén o orzamento e a estabilidade até 2013, tamén lle abre a posibilidade a España de acceder a '200 millóns de euros adicionais que até agora non estaban dispoñíbeis'.
Helena Espinosa.
O texto adoptado por maioría cualificada dos ministros de Agricultura da UE contempla a posibilidade de que os Estados membros utilicen fondos non gastados das axudas directas aos agricultores para desvialos a actividades agrarias concretas. Espinosa explicoulles aos xornalistas que "as primeiras estimacións, bastante realistas", indican que esta posibilidade porá a disposición de España "200 millóns de euros adicionais".
No marco do chamado 'recoñecemento médico' da PAC os ministros acordaron eliminar os subsidios inferiores aos 100 euros, un tipo de axudas que, en palabras de Espinosa, "orixinaba máis gasto administrativo que o que recibía o agricultor". O pacto pechado este xoves consolida, así mesmo, medidas como o sistema de seguros agrarios español, "que valerá como referencia para outros países da UE", e a eliminación do barbeito obrigatorio.
'Case por unanimidade'
O ministro de Agricultura francés, cuxo país ostenta este semestre a presidencia da Unión Europea, Michel Barnier, celebrou en rolda de prensa o acordo alcanzado "case por unanimidade" porque proporciona "unha caixa de ferramentas que permite protexer os agricultores e buscar novos equilibrios nos nosos países e manter a equidade".
Pola súa banda, a comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, asegurou que con este acordo "melloramos as posibilidades para a agricultura europea" e considerou que é unha boa base para "preparar a PAC posterior a 2013". "Se fracasásemos, o perdedor sería o sector agrícola europeo", advertiu.
Descargar Tarifas