Redacción . Este libro, publicado hai 25 anos, foi un volume moi relacionado co seu tempo histórico. Coincidiu co nacemento do cinema en Galiza como expresión autónoma.
Cinepoemas Autor: Claudio Rodríguez Fer. Edita: Xerais. Colección “Vento Branco”, 1983 Todas as obras literarias son o froito dunha época, dunha especial circunstancia socio-económica e dun determinado momento cultural. Obras como Cinepoemas (1983) non xorden da nada, senón que son o resultado dun clima particular e inconfundible que as fai agromar e solecer ao abeiro dun público receptor especialmente sensibilizado e educado para a súa comprensión. Así pois, non foi casual que a obra de Claudio Rodríguez Fer aparecese en escena xusto na década en que o cinema en Galicia espertaba e comezaba a ofrecer os seus primeiros resultados. Como o propio poeta deixou escrito no limiar ao libro, Cinepoemas non é senón un longo poema fílmico. Neste sentido, digo eu, unha obra tal resulta un suxestivo compendio de moitas daquelas películas que dalgunha maneira constitúen o imaxinario visual de toda unha xeración. Ora ben, cómpre facer notar tamén que o cinema galego non ten cabida no libro por razóns ben transparentes: simplemente non estaba o suficientemente desenvolvido como para tomar corpo neste volume perfectamente orquestrado e inzado de filmes claves para o cinema de calquera tempo. Secasí, o elemento cinematográfico de noso –e os autores con el relacionados– tampouco están totalmente ausentes nestas planas e afloran aquí e acolá. Poño por caso: nun poema baseado nun guión cinematográfico de María Xosé Queizán; na cita –con referencia fílmica incluída– de Manuel María na poematización de Der Blaue Engel; noutra cita –tamén con alusións fílmicas, desta volta a Walt Disney– de Celso Emilio Ferreiro que encabeza o poema sobre Bambi; ou nos versos de Ferrín que acompañan a composición 2001, a Space Odissey, onde se alude a varios filmes clásicos da ciencia ficción como o do propio Kubrik e doutros como Godard, Lang ou Hitchcock, unha poesía esta na que, amais, hai unha forte presenza da xeografía e a literatura galegas. Volver ler as páxinas de Cinepoemas é atoparse cunha das raiceiras na que logo medrarían moitos dos versos das e dos poetas de promocións posteriores, que fixeron da amalgama da linguaxe fílmica e a poética unha bandeira multiartística e mestiza sen a que dificilmente pode entenderse o noso presente literario. Os fotogramas líricos do escritor lucense son un encadre posible para estes máis recentes tiros de cámara versais. Palabras como flashes para unha singularísima cinepoética.
Claudio Rodríguez Fer
Entre os directores e películas que aparecen poetizados ou referidos nestes versos hainos de practicamente todas as escolas e épocas posibles ata os anos setenta do pasado século. Dende Griffith e o cinema ruso dos anos vinte (Einsenstein, Pudovkin, Dovjenko), pasando por Vidor ou o cine cómico de Chaplin, Keaton e Lloyd, o cinema mudo alemán de Lang e Murnau, os pioneiros norteamericanos (John Ford), os clásicos da banda deseñada (Bambi), a modernidade de Welles, a escola italiana (De Sica, Fellini, Antonioni, Pasolini, Visconti e a Cavani), o cinema crítico-social de Kazan, o transcendentalista de Bergman, o suspense do mestre Hitchcock, o intimismo de Godard e Resnais, o cinema amoroso-introspectivo de Rohmer e aínda a máis pura ciencia ficción (Kubrick).
Descargar Tarifas