Redacción . Segundo un comunicado de Ceivar, o militante independentista galego volve hoxe á casa logo de 3 anos, 3 meses e 17 días en prisión. Familiares e amigos desprazaranse hoxe a Madrid unha vez que se resolvan os trámites burocráticos pendentes.
Dende Ceivar anuncian que nos próximos días convocarase un recibimento popular a nivel nacional aos dous presos independentistas excarcerados nesta semana. Caamanho leva en prisión preventiva tres anos e tres meses, e esta mesma semana coñeceuse a súa condena: tres anos por un delito de danos, e 21 meses máis de prisión por falsidade documental, amais de 1.620 euros de multa por furto de vehículo a motor, e de afrontar, igual que Giana Rodrigues, os custes do xuízo e os danos a particulares que ocasionou a explosión da bomba. Queda tamén inhabilitado para cargo público durante nove anos. Un preso non pode estar en prisión preventiva, sen xuízo, máis de catro anos. Se estando en prisión preventiva, se desenvolve o xuízo e se coñece a condena, a persoa obxecto da mesma non pode permanecer en prisión preventiva máis da metade dos días, meses ou anos que esta recolle. É dicir, que Ugio Caamanho sae en liberdade porque xa cumpriu, estando en prisión preventiva, máis da metade da súa condena, ao permanecer no cárcere tres anos e tres meses. Porén, a sentenza non é definitiva. A defensa aínda debe presentar varios recursos: un primeiro na Audiencia Nacional, e un outro no Tribunal Supremo. De non saír adiante, Caamanho podería volver ingresar en prisión para cumprir o tempo que lle resta. Ademais, aínda está por coñecer a setenza do xuízo po tentar fugarse do cárcere de Cáceres, en febreiro do 2007, e polo que a Fiscalía pide 5 meses de prisión.
Ugio Caamanho no xuízo da Audiencia Nacional.
Descargar Tarifas