PUBLICIDADE
Sábado, 13 de marzo de 2010
Gañou as eleccións cunha ampla marxe
Barack Obama, presidente dos Estados Unidos

Redacción .  O senador demócrata Barack Obama gañou a batalla de dous anos para chegar á Casa Branca ao vencerlle ao republicano John McCain. Obama convértese deste xeito no primeiro presidente negro na historia dos Estados Unidos.

Reloxo 05.11.2008 | 06:54

Barack Obama, presidente dos EE UU Barack Obama, presidente dos EE UU. Shannon Stapleton/Reuters Esquerda   1 / 3  Dereita  

O demócrata será investido como o presidente estadounidense número 44 o 20 de xaneiro do 2009 e será entón cando se vexa na obriga de enfrontarse a varios desafíos, incluíndo paliar a crise económica, finalizar a guerra no Iraq e cumprir co seu compromiso de reformar o sistema de saúde.

Os Estados de Ohio, onde George W. Bush gañara por unha leve diferenza na reelección do 2004, e Virginia, que non votara por un demócrata desde 1964, foron cruciais para darlle a vitoria a Obama, que ampliou as maiorías dos demócratas en ambas as cámaras do Congreso.

Ampla vitoria

Até as 5.00 horas ninguén se atrevía a dar o nome dun gañador seguro. Foi entón cando saíron os resultados parciais que xa proclamaban vencedor a Obama, ao obter os 270 votos necesarios para conseguir que o Colexio Electoral o designase presidente. Unha hora máis tarde, a falta dos datos concluíntes dalgúns Estados do litoral oeste, o demócrata sumaba xa 342 votos, fronte aos 143 de John McCain. Non se lograba unha vitoria tan ampla desde o 1996, cando Bill Clinton derrotaba a Bob Dole por 379 votos fronte aos 159 do seu rival republicano.

Estados decisivos

Florida, que dá 27 votos, Pensilvania, con 21, Ohio, que fornece 20, e California, que dá 55 votos, foron os Estados que lle deron a vitoria ao demócrata, que tamén gañou en Florida, que ten 13 votos. Maine, Vermont, Massachusetts, Connecticut, Delaware, Maryland, New Hampshire, Nova Jersey, Nova York, Illinois, de onde é senador, e o distrito de Columbia, que lle dá abeiro á capital do país, Washington, tamén foron claves para erixir a Obama presidente dos EE UU.

Pola súa banda, o McCain tiña os ollos postos nos Estados do sur, en Tennessee, Alabama, Arkansas, Carolina do Sur, Pensilvania e Ohio.

Reacción de Obama

Barack Obama festexaba o seu triunfo en Chicago, onde lles dixo aos seus seguidos que "o cambio chegou aos Estados Unidos" e onde felicitou a John McCain pola dura campaña electoral que sacara adiante. "Transcorreu moito tempo, pero esta noite, grazas ao que fixemos este día, neste elección, neste momento de definicións, o cambio chegou aos Estados Unidos", engadía ante a multitude de 70.000 persoas.

No seu discurso, Obama non esqueceu a súa familia, "A miña familia fíxome quen son. Bótoos en falta esta noite. Sei que a miña débesa con eles é inmensurábel", dicía Obama, que perdeu o luns a súa avoa e no 1995, a súa nai. Así, agradecía temén os esforzos da súa muller e das súas fillas, que non se quixeron perder a noite electoral.

"Nunca fun o omáis probábel candidato para este cargo. Non comezamos nin con moitos cartos, nin con maiores apoios", engadía Obama. "Se hai alguén aí que aínda dubida que os EE UU é un lugar no que todo é posíbel, que aínda se pregunta se o soño americano dos nosos fundadores está vivo neste tempo, que aínda cuestiona o poder da nosa democracia, esta noite é a súa resposta".

O demócrata facía fincapé nos desafíos que afrontará como presidente dos EE UU: "celelbramos esta noite, pero sabemos que os desafíos que o futuro traerá son os maiores da nosa era: dúas guerras, un planeta en perigo, a peor crise financeira do século". Tamén tivo palabras de lembranza para os soldados estadounidenses no Iraq e en Afganistán. Neste sentido, prometeu a retirada do Iraq en 16 meses.

"Hai novos traballos para crear, novas escolas para construír, amezas que conter, alianzas que reparar". "Pode ser que non cheguemos nun ano, ou nun período de Goberno", pero os EE UU podererán afrontalo, dicía. "Yes, we can!", respondíanlle os seus seguidores.

McCain recoñece a súa derrota

O candidato republicano, John McCain, recoñecía a vitoria do seu rival nunha intervención en Phoenix, Arizona. "O pobo estadounidense falou. Chamei o senador Obama para felicitalo tras ser elixido presidente deste país", apuntaba. Ademais, engadía que a elección do demócrata representa "un grande avance para os Estados Unidos" e é "unha proba de que temos superado o racismo".

Acompañado da súa esposa e da candidata republicana á vicepresidencia, Sarah Palin, McCain dicía que "é natural que nos sintamos hoxe un pouco defraudados, pero mañá debemos superalo". "O fallo foi meu, non de vostedes", sinalaba. "Non sei que poderíamos ter feito para gañar esta eleccións". "Esta campaña era e será a grande honra da miña vida", agregaba.

"Espero que Deus inspire o meu antigo opoñente e futuro presidente", concluía perante os miles de republicanos.

Unha noite para a historia

Horas antes de que os datos confirmasen vitoria de Obama, milleiros de afroamericanos saíron ás rúas para celebrar por anticipado o triunfo do demócrata nas eleccións presidenciais. Eses milleiros de norteamericanos seguían as eleccións desde unha pantalla xigante colocada na praza de Estafes Square en Nova York, e preto de 2.000 persoas tamén seguían o histórico acontecemento desde o barrio de Harlem, en Nova York, demostrando así a capacidade de convocatoria de Obama.

Nese sentido, decenas de milleiros de seguidores levaban esperando varias horas o candidato demócrata no Grant Park de Chicago, cidade na que deu o seu discurso o presidente dos EE UU.

A pesar de que só suman o 13 por cento da poboación estadounidense, máis do 90 por cento dos americanos negros manifestaron a súa intención de votar a favor do senador por Illinois nas eleccións. "Definitivamente, estamos facendo historia", aseguraba Sheneka Mayes, unha profesora de ensino elemental en Atlanta. "Esta noite quedará gardada na miña memoria e na dos meus fillos".

Perfil de Barack Obama

A partir de hoxe, Barack Hussein Obama pasará á historia como o primeiro presidente 'negro' dos Estados Unidos. Nado en Honolulú (Hawai) no 1961, Barack Hussein Obama –o primeiro apelido, pouco coñecido, é un tributo ao seu avó musulmán– é o único fillo dun matrimonio interracial entre unha norteamericana e un dos primeiros africanos que marchou de Kenia para estudar nos EE UU tras anos de colonialismo inglés.

Graduado na Escola de Leis da Universidade de Harvard, exerceu como avogado especialista en Dereito Civil en Chicago e desenvolveu traballos comunitarios en zonas subdesenvolvidas de Illinois. Foi alí onde comezou a súa carreira política como senador, posto que ocupou durante oito anos.

No 2004 competiu por un espazo no Senado dos EE UU e logrouno, converténdose no terceiro afroamericano en representar un Estado norteamericano no Capitolio. Nese mesmo ano, Obama gañaba relevancia no panorama político durante a convención do Partido Demócrata en Boston. Neste encontro, Obama pronunciaba o seu famoso discurso no que instaba a pechar as feridas raciais abertas no país.

A grande esperanza branca

Coñecido por algúns como “a grande esperanza branca”, Obama dicía entón que “non hai uns Estados Unidos brancos e uns Estados Unidos negros, senón os Estados Unidos de América".

No momento de expresar a súa intención de presentarse a candidato polo Partido Demócrata, Obama tivo que enfrontarse aos seus competidores, aos que non lles pareceu ben que aos seus 46 anos e con só un período como senador en Washington se puxese á altura de políticos cunha traxectoria moito maior. Outro sector atacouno cunha campaña que na que aseguraban que Obama é musulmán por ter pasado de neno varios anos en Indonesia, país de onde procede o segundo marido da súa nai.

Foi a súa postura fresca dentro do ambiente do Capitolio o que lle gustou aos seus seguidores. Axudado polo enorme sorriso, Obama gañouse unha popularidade similar á dunha estrela do rock. Ao seu favor xoga tamén a súa actitude crítica coa guerra do Iraq, á que se opuxo desde antes da invasión no 2003.

Unha das súas características máis peculiares é a súa capacidade para alternar discursos que seguen os postulados tradicionais da esquerda americana cunha política máis pragmática e convencional. De aí que moitos americanos falen de Obama como o “primeiro presidente negro que fará unha política de branco”.

Os datos
BARACK OBAMA

California 55; Colorado 9; Connecticut 7; Delaware 3; Florida 27; Hawai 4; Illinois 21; Iowa 7; Maine 4; Maryland 10; Massachusetts 12; Michigan 17; Minnesota 10; Nevada 5; New Hampshire 4; New Jersey 15; Nova York 31; Novo México 5; Ohio 20; Oregon 7; Pensilvania 21; Rhode Island 4;Vermont 3;Virginia 13; Estado de Washington 11; Washington DC 3;Wisconsin 10; Nevada 5; Hawai 4; Nevada 5;

TOTAL 349

JOHN McCAIN

Alaska 3; Alabama 9; Arizona 10; Arkansas 6; Carolina do Sur 8; Dakota do Norte 3; Dakota do Sur 3; Xeorxia 15; Idaho 4; Kansas 6; Kentucky 8; Luisiana 9; Mississippi 6; Nebraska 4 de 5; Oklahoma 7; Tennessee 11; Texas 34; Utah 5; Virginia Occ. 5; Wyoming 3; Montana 3;

TOTAL 147

Resultados por confirmar:

Carolina do Norte 15

Indiana 11

Missouri 11
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río