Redacción . Galiza acollerá 106 actividades durante a Semana da Ciencia entre o 10 e o 23 de novembro. A actuación do grupo de teatro Chévere en varias localidades é un dos principais actos programados por Industria.
A Consellaría de Innovación e Industria informa que “a temática central da Semana da Ciencia deste ano son as Ciencias da Terra, dado que 2008 foi declarado Ano Internacional do Planeta Terra pola Unesco”. A partir do día 10 de novembro, 62 entidades realizarán 106 actividades diferentes, que se desenvolverán en máis de 155 ocasións. Entre as entidades organizadoras atópanse as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), concellos, asociacións, empresas, museos científicos e o Parque Tecnolóxico de Galicia, entre outros. Por tipo de actividade, a categoría "cursos e obradoiros" é a máis numerosa, 31, seguido de "exposicións interactivas" (17) e "mesas redondas e conferencias" (16). Polo demais, celebraranse 10 xornadas de portas abertas e visitas guiadas e 9 itinerarios didácticos e excursións. En Galiza a Semana da Ciencia está coordinada pola consellaría de Innovación. O orzamento investido pola consellaría neste evento ronda os 800 mil euros. Cabaré científico Co gallo da Semana da Ciencia, cada ano o departamento autonómico ademais de coordinar este evento organiza directamente unha actividade de divulgación da ciencia e a I+D+i. Seguindo coa liña de procurar novos espazos físicos e novas formas de divulgar a ciencia, este ano I+D+i presenta o Cabaré Científico “SOS Planeta Terra”. Segundo explicou na rolda de prensa Xesús Ron, do Grupo de Teatro Chévere, encargado da produción e representación do Cabaré Científico, o espectáculo consiste nunha representación escénica que combina varias expresións artísticas arredor do tema da ciencia e que vai destinada a un público adulto. Este Cabaré baséase nun formato que desenvolve en Galiza desde 1992 a compañía Chévere: a Ultranoite. Trátase dun espectáculo híbrido no que participan artistas de diversas disciplinas: teatro, música, danza, maxia, malabares, vídeo... facendo todo tipo de números sobre o tema proposto, neste caso as Ciencias da Terra. A partir de aí sucederanse sobre o escenario todo tipo de números musicais e teatrais que utilizan a maxia, o circo, o mimo, a palabra e, sobre todo, o humor, a parodia e a irreverencia para comunicar ao público unha serie de temas con trasfondo científico que afectan á saúde do Planeta, para ben e para mal: o quecemento global, a reciclaxe, as enerxías renovables, o cambio climático, a biorremediación, a escasez de auga, a pegada ecolóxica, a biocapacidade, etc. O elenco estará formado por Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo, Xron, Arantza Villar, Clara Gayo, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Pablo Trasno, Fredi, Mago Romarís, Duelirium (Raquel, Merche), César Goldi; polos músicos Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Max Gómez (batería), Manuel Cebrián (violín, guitarra) e os vídeos de José Luis Sierra Pilo. A iniciativa do Cabaré Científico consta de dúas fases. Unha primeira fase xa tivo lugar os días 24, 27 e 28 de outubro coa celebración dun Obradoiro de Cabaré na Sala Nasa de Santiago, na que artistas e científicos puxeron en común as súas ideas sobre como difundir mellor a ciencia. A segunda parte do Cabaré será a xira presentada hoxe e que levará este espectáculo gratuíto pola xeografía galega: os días 6, 7 e 8 na Sala Nasa de Santiago; o 14 no Teatro Principal de Pontevedra; o 15 no Auditorio de Ourense; o 29 no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol e o 5 decembro no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A xira terá a súa continuidade en Asturias con representacións en Avilés (día 19); Cangas del Narcea (día 20); Gijón (día 26) e Oviedo (día 27).
Membros de Chévere.
Descargar Tarifas