Alberte Rivero . As oito fábricas de cadaleitos do concello de Piñor xeran o setenta por cento do PIB municipal. O prezo das caixas anda entre os 120 euros dunha chinesa de importación e os 2500 dunha acolchada en seda de produción propia. Pero a economía non sempre é racional: en Galiza hai tres cemiterios novos sen usar
A morte representa un importante sustento económico no concello de Piñor. Segundo o alcalde, Xosé Antón Fraga, de existir un PIB municipal, as fábricas de cadaleitos suporían o setenta por cento do produto. Traballan neste sector o sesenta por cento dos veciños en idade activa. Pasada a Casa do Concello, beiran a estrada oito fábricas de cadaleitos, naves de vernizados e acolchados que teñen como denominador común a morte. Agardan a ampliación de solo industrial para darlle maior cabida aos seus plans de futuro. Pero a morte tamén é polémica e desencontro entre políticos e cidadáns. Tres cemiterios de Galicia carecen de soterramentos, ben por ideas atávicas dos veciños, que parecen dicir: enterrados si pero non de calquera maneira, nin en calquer lugar; outras veces pola desidía dos gobernantes. O primeiro obxectivo do grupo de goberno en Piñor é crear máis chan industrial, para poder atender as demandas dos empresarios que levan tempo solicitándoo para poder ampliar as súas fabricas. Hai oito factorías de cadeleitos, situadas a carón da propia Casa do Concello e no lugar de Arenteiro, coñecido coma a milla de ouro polas súas impresionantes mansións. Para os veciños de esta localidade non é anormal ver caixas en estocaxe nas beiras das rúas. En calquera outro lugar, veríase coma algo macabro. Manuel Fernández, dono de Ataudes Galicia, lembra que xa hai corenta anos, cando era pequeño, conseguía unha paga mensual axudando a vernizar cadeleitos. A maioría dos donos e empregados veñen dunha longa tradición familiar. Agora, tamén lles está a afectar a crise. Os chineses entran con forza con caixas a cento vinte euros, catro ou cinco veces menos que as de Piñor. O modelo habitual é estandar, un noventa de alto. Non embargante, agora, xa teñen que construír, ás veces, cadeleitos de dous metros vinte, impensábeis hai uns anos. Os máis caros, que poden chegar a custar dous mil cincocentos euros, levan o acolchado de seda. A Illa, no concello de Entrimo, posibelmente sexa o lugar de Galicia con máis cemiterios, catro, pero o municipal, construído hai doce anos, a día de hoxe segue totalmente baleiro. Un cemiterio vello saturado provocou que os veciños, hai doce anos, iniciasen a construción de un novo parroquial; ao mesmo tempo, o daquelas alcalde, Santiago Cerqueira, tamén comenzara a construír na mesma parroquia un municipal. Este último contaría con nichos e capela incorporada. Os veciños, dende o primeiro momento, mostraron o seu rexeitamento: ao estar preto do lugar de Lantemil, e lonxe da Illa, entendían que serían soterrados nun lugar alleo ao do seu nacemento. Doce anos despois a situacion continúa igual, a capela sen ser usada e menos o cemiterio, tan só dúas sepulturas illadas, illamento que nun cemiterio e máis terríbel se cabe. A maiores destes tres cemiterios, unha comunidade evanxelista existente no lugar dispón doutro camposanto, co que nesta parroquia, de apenas un cento de veciños, dispoñen da posibilidade de ser soterrados en catro cemiterios diferentes, sempre que as supersticións non condicionen a última morada. O caso de Fisterra é máis coñecido, un goberno tripartito decidiu, no ano mil novecentos noventa e oito, encargarlle ao coñecido arquitecto César Portela, a contrución dun novo cemiterio, moi necesario na vila. Nunha primeira fase, oitenta e oito nichos, a todas luces insuficientes. Pasado o tempo demostrouse todo o contrario: eran excesivos. Os veciños non compartiron a estética do creador e moito menos o lugar elixido. Así o entende o actual alcalde Xosé Manuel Traba: “a morte, especialmente nestes lugares mariñeiros, é unha cuestión delicada, os veciños mostraron sempre o seu rexeitamento”. Agora, o concello búscalle unha solución definitiva, rematando o achegamento da enerxía eléctrica, solucións de planeamento para ampliar o número de nichos e especialmente acabar coa segundo fase e non dar a sensación de obra eterna. So queda que os fisterráns miren con mellores ollos esta nova perspectiva de cemiterio mirando o mar creado por César Portela.
Cadaleitos a secar na eira
1 / 2
Caixas nas beirarrúas de Piñor
Catro cemiterios na mesma parroquia en Entrimo
O cemiterio de Portela, en Fisterra, sen estrear
Descargar Tarifas