E. P . Case a metade dos galegos nega que os aeroxeradores prexudiquen a paisaxe, mentres que o 30% pensan que si afectan. Malia a boa valoración das enerxías 'verdes', só o 8 por cento está disposto a investir para poder aproveitalas.
O 77 por cento dos galegos ve nas renovábeis unha alternativa para combater os efectos que provoca o cambio climático, mentres que só un 1 por cento rexeita considerar estas fontes de enerxía como unha opción real, segundo conclúe un estudo realizado pola publicación MásQueEnergía. Da análise despréndese a existencia dun alto grao de descoñecemento sobre as renovábeis. O 30 por cento dos enquisados non soubo mencionar ningún tipo destas enerxías e un 37 por cento só puido responder a unha. As máis coñecidas son a eólica e a solar, debido á visibilidade das súas instalacións. Case a metade dos galegos, un 46 por cento rexeita a afirmación de que os aeroxeradores danan a paisaxe, mentres que o 30 por cento considera que si afectan. A Coruña e Lugo son as provincias nas que maior número de aeroxeradores hai en Galicia, e nelas o 55 por cento dos enquisados cree que non afectan á paisaxe galega. En canto ao uso de enerxías renovábeis, só o 4 por cento asegura utilizar, principalmente o biocombustíbel, nalgúns casos, referíndose a transportes públicos que empregan este produto. Case tres cuartas partes dos galegos enquisados (72 por cento) amosou dispoñibilidade para incorporar na súa vivenda o uso de enerxías renovábeis. Non obstante, se tivesen que facer a inversión do seu peto, tan só o 8 por cento a faría. Descoñecemento En todo caso, o estudo mostra un elevado índice de descoñecemento sobre o ámbito das renovábeis na sociedade galega, unha desinformación que é admitida polos enquisados, os que de media, valoran as súas nocións sobre este tema cunha nota media de 3,01, é dicir, suspenso. Os pontevedreses son os que mellor puntuación se outorgan, un 4,05, mentres que os ourensáns se colocan no extremo oposto, cun 2,7. Este dato vai ligado á pobre valoración que os participantes no estudo fan do labor das distintas administracións públicas para potenciar o uso das renovábeis, posto que a nota media outorgada é un 2,05. O estudo, de carácter non demoscópico, analiza o grao de coñecemento e uso das renovábeis na comunidade e realizouse telefonicamente durante os meses de xullo e agosto entre 200 habitantes das catro provincias. Entre outros aspectos, revela que un 14 por cento dos enquisados considera que se trata dunha moda pasaxeira que pronto rematará.
Muíños dun parque eólico perto das Pontes.
Descargar Tarifas