PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'os milagres de cristamar', de Chelo Suárez
Lirismo, carnavalización e sexo

Xosé Manuel Eyré Durante o famoso Terremoto de Lisboa descubrimos unha historia onde hai prostitutas, monxas, hermafroditas, castrados e mariñeiros.

Reloxo 22.10.2008 | 18:55

Chelo Suárez Chelo Suárez. AGN

Os milagres de Cristamar

Autora: Chelo Suárez.

Editorial: Positivas.

Falaremos hoxe do IV Premio Narrativas Quentes, que convoca e publica, cada dous anos, Positivas. Este certame, que na súa primeira edición gañara Manuel Lourenzo (Infidelicidades), sendo finalista Francisco Castro (Xeografías), e na segunda recaera en O lobo da xente (Alberte Momán), ficou deserto na terceira edición. Xustamente a primeira reflexión que nós queremos facer nestas palabras, é relativa ás grandes dificultades que a narrativa erótica padece á hora de asentarse, e non tanto entre o público como moito máis entre os e as fabuladores (as) que teñen a misión de facelo posíbel.

Tales dificultades, que non son exclusivas do panorama literario galego posto que ben podemos observalas, malia as tentativas mediáticas de reflotación, en calquera outra literatura occidental, ben poden explicarse como herdanza social de tantos séculos, como levamos ás costas, nos que a relixión desacreditou, perseguiu e condenou o acto sexual. Claro que en tempos nos que esa presión era máis acentuada, viron a luz obras mestras do xénero… comezando polas mesmas cantigas medievais. Polo cal, vista a relaxación de valores propia de hoxe en día, non remata por convencer tal teoría. Aínda que poida ter moito que ver na, algo máis que presumíbel, infravaloración que no mundo da fabulación padece, como un dos seus desencadeantes. Un, porque tamén non podemos esquecer a inexistencia dunha tradición consolidada. Por moito que salientemos nomes e títulos senlleiros, estes aparécensenos como acasos illados, esporádicos. Nin, e xa falando desde o punto de vista técnico, o feito de que os(as) creadores(as) sintan que desde esta temática resulta moi complexo sorprender o lectorado, ben coñecedor da pechada gama de posibilidades agardábeis.

Quizá esta última reflexión pese máis do que en principio pode parecer, o mesmo que a saturación que no lectorado operaría a sobreexposición do tema. Porén, agora é momento de expresar os parabéns á autora, Chelo Suárez, finalista do Xerais de 2006, desta Os milagres de Cristamar, merecente do premio Narrativas Quentes na cuarta convocatoria. Chelo Suárez é muller; téñase en conta porque na narrativa non é frecuente a autoría feminina de textos con marcado carácter sexual ou erótico, pola contra do que acontece na poesía, onde todos podemos sinalar varios nomes de autoras que senten predilección pola sensualidade, ou carnalidade, do sexo. Eis, pois, outro motivo de celebración, á vez que dinamizador do horizonte de expectativas á hora de ler Os milagres de Cristamar.

Como será a expresión dunha muller?, habera algún tipo de particularidade expresiva propia do sexo feminino na escrita narrativa?, existirán estas, xa na mesma concepción e finalidade do discurso, xa que os dous sexos vivimos de xeito moi diferente o acto carnal?

Pois digamos que, se na poesía sería posíbel tentar responder, a derradeira pregunta formulada, de forma afirmativa, no caso concreto de Chelo Suárez e Os milagres de Cristamar, nós non observamos absolutamente ningunha diferenza. Resposta tamén aplicábel á segunda das preguntas. Moi posibelmente porque a explicación radica na resposta que merece a primeira. O discurso que aquí atopamos áchase condicionado, de maneira notoria, pola súa autoconsciente natureza ficticia. Conta unha historia na que hai sexo, indubidabelmente, en situacións variadas que van desde certa tenrura á violencia de violación, e está protagonizada por personaxes curiosas. As personaxes son precisamente un dos centros do discurso. A novela complétase, en grande parte, e avanza, podemos dicir, grazas aos retratos, ben entrelazados, destas personaxes. De non ser así ficaría nun conto longo.  O remate, a “Síntese”, así como o “Introito” e o texto que o antecede, nacen, a bo seguro, da sensación de incopletude. Están correctamente xustificados e confiren certo ar melancólico, transcendente e lírico, mais  o certo é que a historia cóntase entre eles.

A historia, que abre portas acenando diversas tradicións literarias, desde o mesmo Quixote, á picaresca ou á tradición orientalista clásica (Alí Babá, Aladino…), ubícase en Cristamar (trasunto claro de A Coruña), fundamentalmente na rúa do Galo Falangueiro (lembra o Papagaio coruñés), entre un convento de monxas e un bordel.  Son iso, acenos. E o lector ou lectora poderá establecer outras correspondencias, como a de María Pita e Branca Odisea, se quixer. Unha serie de personaxes curiosas completan o cadro. Desde un/unha hermafrodita, a un sátiro e eunuco, putas vellas e resabidas, un mariñeiro-filósofo-pintor, unha virxinal filla de ex puta…amén das monxas, desde a Espiritada á Madre Chola (subliñado seu) e o seu socorrido haxix. Imposíbel non detectar o proceso de carnavalización. Todo isto tinxido dun lirismo que se superpón e impregna o discurso de cabo a rabo. Evidentemente, como é agardábel despois do dito, salferido de situacións cómicas ou de empregos lingüísticos con esa mesma finalidade. E, por suposto, outras situacións de ambiente erótico, tratadas en ocasións con tenrura lírica e outras veces de xeito máis neutro. Cos protagonistas que vimos, ocasións deste estilo non han faltar, mais tamén hai que dicir que a Chelo Suárez non se recrea precisamente nelas, non lle dá tempo.

O resultado final é o dunha novela, tirando a breve, 110 páxinas, de lectura amábel e divertida, con situacións cómicas e outras onde o sexo reclama papel central. Desde o punto de vista estilístico non se lle poden pedir grandes cousas. Alterna momentos onde a escrita manifesta querenza por barroquizarse un chisco, con outros de expresión tendente á planicie, e por iso entendemos que non sabe traducir na expresión esquemas sintácticos complexos dotados de múltiple complementación adxacente. Lástima non lle tirar máis partido, crer máis nas posibilidades da historia e darlle máis tempo

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río