PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Corina Porro, senadora do PP
'A lei electoral actual non é democrática'

Xan Carballa Corina Porro (Ferrol, 1953) sostén que a súa capacidade de diálogo acreditouna nos anos de alcaldesa en minoría e reclama cambios na lei electoral para que 'os resultados electorais non queden desvirtuados por pactos que marxinan ás maiorías'

Reloxo 19.10.2008 | 08:21

Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo

Foi alcaldesa de Vigo, a primeira conselleira galega de Servizos Sociais, deputada e agora exerce como senadora e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra.

Como está condicionando a crise económica a vida política, non xa no estado, tamén no terreo municipal?

A crise ocúpao todo. É certo que é internacional e que se vive de maneira diferente en cada país. Pero o incremento do paro ou da inflación é en España é o máis intenso de Europa, e iso demostra que podes enfrontar o problema mellor ou peor. Os gobernos poden intervir para paliar as crises e tamén as administracións locais. Por exemplo acelerando a posta a disposición de solo, como vivimos en Vigo. Nós puxémonos a traballar, porque hai que deixar de lado os intereses de partido e sumar. Púxenlle ao alcalde de Vigo, vinte e cinco medidas, que empezaban por algunhas de apretar o cinto, de aforro enerxético, axudas ás pequenas e medianas empresas, medidas sociais de incremento de becas para uso de comedores escolares, recorte de gastos de publicidade e que se conxelasen as ordenanzas municipais, o que supuña unha media de aforro de 100 euros anuais a cada familia viguesa. E tendinlle a man cunha declaración pública para que esa estratexia tivese efectividade nos orzamentos do ano 2009. A súa resposta foi: “Corina, chega tarde”. Nin  sentou a dialogar nin fixo un xesto de aproximación. É unha irresponsabilidade non abrir canles de diálogo con todos os axentes sociais e tamén coa oposición, que temos a máis numerosa representación cidadá.

O desenvolvemento do plano de ordenación urbana pode ser un motor económico?

No programa electoral de Abel Caballero estaba o compromiso de 6.000 vivendas sociais, e no plano que eu consensuara con todos, e que el non quixo aprobar, había un horizonte de 36.000 vivendas sociais, tendo en conta que xa hai hoxe 7.000 peticións. Dun plano viábel pasou a outro imposíbel, e onde estaba compensada a edificabilidade descompensouse, pero non nas zonas poderosas senón onde afectaba sobre todo á xente que tiña unha pequena leira herdada ou no rural, que son ámbitos onde non se vai desenvolver o plan. En todo caso, nas medidas que lle propuxemos estaba a axilización do que tivese que ver con  obras de infraestruturas para paliar o paro que se produce na construción e xa vemos como van as cousas nos orzamentos xerais do estado. No AVE directo a Vigo, de 2008 a 2011, só temos proxectos e  cara o 2012 non hai nada consignado. Iso significa que non chegará por Cerdedo porque nin para o 2012 estarán comezadas as obras. Se en vez de proxectos e anuncios vivísemos obra real aínda podería paliarse a crise, pero este alcalde non ten peso político nin entre os seus.

O PP nas cidades e a lei electoral

Vigo, con Ourense, é a última gran cidade galega gobernada polo PP. Non lles está saíndo moi caro o déficit de poder nos grandes núcleos urbanos?

Evidentemente, pero agora o reto inmediato é recuperar o goberno na Xunta. Daquela comprobaremos como nos afecta. É moi importante gobernar  nas grandes cidades porque, como municipalista que son, sei que é onde se fai política máis perto da xente.

Aínda que agora non se use aquela distinción de boinas e birretes, parece que dentro do PPdeG  hai dúas maneiras diferentes de entender a política nas cidades grandes e nos núcleos máis pequenos.

Socioloxicamente Galiza cambiou. A xente nova do interior marchou para as cidades. A provincia de Ourense en conxunto ten os mesmos habitantes ca Vigo, e iso é unha realidade. O peso maioritario poboacional está nas cidades e iso quere dicir que as cousas se ven de maneira diferente. Vigo é unha cidade industrial co reto de seguir sendo motor económico de Galiza e probabelmente teña que ter estratexias políticas diferentes que Coruña. O perfil é distinto en cada lugar pero a mensaxe debe servirnos a todos.

Pero sendo a maior forza política quedanse ás portas do poder e reclaman cambios na lei electoral. Por que non teñen capacidade de interlocución con outras forzas?

É urxente cambiar a lei electoral porque non é democrática. Hoxe goberna Vigo unha forza con catro concellais menos ca o PP...

Se suma os do PSOE e o BNG son máis.

Pois daquela que se presenten xuntos. Pero non o fan porque se levan a matar.

As coalicións son democráticas.

Son legais pero,  ¿é democrático que goberne o BNG con catro concelleiros e o PP con trece non? É iso o que quixeron os cidadáns? A lei electoral é antidemocrática e non ten parangón en ningún país europeo.

Ese cambio na lei considera que debe ser para todo tipo de eleccións?

Por suposto, porque é inxusta en todos os niveis. E non é unha idea persoal porque Mariano Raxoi dío continuamente. En todo caso, demostrei que teño capacidade de diálogo político, porque mesmo asumín un PXOU do que o meu partido non elaborara unha liña. Tocoume a parte de exposición pública e asumín un plano xeral que era do BNG, porque era bo para Vigo e a súa cidadanía. Se puden chegar a entendementos o que lle achaco ao BNG é a covardía por non ter suficiente independencia para antepoñer ás súas ideas e o progreso da cidade de Vigo, ao uso do poder.

Fala vostede do poder en termos negativos, cando é o seu desideratum como forza política.

Aspiro a gobernar, porque o poder ten que estar no pobo e como política debes saber como utilizar esa forza que o pobo che dá. Son cousas diferentes.

Agora a Deputación parece moito máis presente en Vigo que en tempos anteriores.

A realidade electoral é que quedei apenas a 1.000 votos de acadar a maioría absoluta e a mensaxe que recibín é que o proxecto que tiña en marcha gostaba a moitos cidadáns, non só aos militantes do PP. Pense que deixei unha acta de deputada e a consellería para vir á oposición de Vigo, porque eran tempos de Prestige e guerra, e fíxeno porque creia na forza da cidade e me compensaba politicamente. Foron tres anos de satisfaccións e entregueille ao alcalde un superávit nas contas. Agora tiven a oportunidade da vicepresidencia da Deputación e teño presenza nun edificio vigués que xa fora decidido antes de chegar eu a este cargo, porque os cidadáns de Vigo teñen que poder facer todos os trámites administrativos sen desprazarse a Pontevedra. E ademais empezan a coñecerse mellor as ofertas sociais e culturais da Deputación.

‘Non vou recibir leccións de galeguismo’

PPdeG, definía o galeguismo que reclamaba para o PP como ver o mundo con ollos propios e non de Madrid. Comparte a idea?

Estou no comité executivo nacional e no Senado; teño un obxectivo que se chama Vigo e síntome máis galega ca ninguén. Non vou recibir leccións de galeguismo. Iso é poñer límites innecesarios, porque non quero un telón de grelos no Padornelo. Quero estar conectada con Madrid e co mundo e a miña experiencia política fíxome ter un pé en Bruxelas sempre e trouxen máis investimentos que outros que estaban máis encerrados.

A opinión é dun alto cargo do seu partido.

Pero esa é a miña e non penso que sexa incompatíbel ser galeguista e estar cun pé en Madrid, que enriquece e engrandece. Até o día de hoxe ninguén no meu partido me dixo como tiña que facer as cousas, porque senón deixaríao, non crería nel.

Despois das declaracións indignadas de Fraga dicíndolle ao portavoz González Pons, que o PPdeG non se deixaba forzar por ninguén, semella que as relacións con Madrid están revoltas.

Pode suceder que haxa visións distintas, pero asegúrolle que non coincido ao cen por cen con todas as opinións do partido en todos os temas. Enriquécenos ter opinións diversas e acordo nos temas fundamentais

‘Impoñer o galego é ir contra o galego’

Pensa que o galego debe ter os mesmos dereitos que o castelán?

Afortunadamente temos dous idiomas e o galego toda persoa que viva en Galicia debe ter a obriga de coñecelo e, libremente, cada cidadán sen imposicións falar o que lle pete. ¿Isto quere dicir que teñamos que dar o 90% das asignaturas en galego?

Ningún informe oficial nin estadística dá ese dato.

En moitísimos centros concertados danse todas as asignaturas en galego menos ximnasia e relixión, por exemplo nos Xesuítas en Vigo. Estou en contra do Decreto do Ensino porque hai asignaturas científico-técnicas, como poden ser as matemáticas, nas que non pode haber imposición, porque limitas os alumnos cando van fóra.  A imposición provoca rexeitamento en persoas que terían que amar o idioma da súa terra.

Daquela considera  que está en perigo o castelán en Galiza, como anunciou o Manifesto en Defensa de la Lengua Común?

Iso sería unha manipulación do que penso. A miña neta desde cativiña vive rodeada dos libros dos Bolechas e doutros en galego. Eu mesma tentei perfeccionalo, leo a poesía galega e nas miñas intervencións institucionais úsoo. O que digo é que a imposición vía decreto é mala para o galego e para a nosa cultura, porque provoca rexeitamento. E non falo de porcentaxes, senón da libertade dos pais para escoller a lingua na que escolarizar os fillos. E tamén de igualdade nas relacións dos cidadáns coa administración –deben ir todas as comunicacións nas dúas linguas cooficiais–; co comercio, aos que non debe impoñerse a rotulación en galego e que iso lles condicione as axudas. Hoxe hai investigadores competentes aos que non se lle admiten traballos na Xunta ou lle rebaixan a puntuación por  non estar feitos en galego. Isto é inxusto.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río