César Lorenzo Gil . En 48 horas, Inglaterra suspendeu un amigábel contra España ao negarse esta a mudar o Bernabéu por outro escenario e a Uefa sancionou o Atlético de Madrid coa clausura do Vicente Calderón por dous partidos. A causa? O racismo.
Afeccionados do Olympique de Marsella feridos pola policía en Madrid.
España é racista, segundo a Uefa. Varios directivos do organismo futbolístico máis importante de Europa acusaron nas últimas horas as autoridades, tanto do Estado como dalgúns clubs de fútbol de "mirar para outro lado" en casos de violencia racista.
Tamén acusaron a policía española de bater "sen motivos" nos seareiros dos equipos visitantes. Como exemplo, a Uefa salienta os incidentes entre os antidisturbios e os afeccionados do Olympique de Marsella que viaxaron a Madrid para veren o partido da Liga dos Campións fronte ao Atlético.
Non en van, a Uefa tomou unha severa decisión contra o Atlético. A clausura do Calderón durante dous partidos da Liga dos Campións é unha das máis graves que se tomaron na historia da competición.
A prensa española non entende por que a dureza da decisión e buscan conspiracións que involucran o presidente do Olympique, Pape Diouf, e o presidente da Uefa, o tamén francés Michel Platini. Afirma o Atlético que foron os marselleses quen crearon conflito na bancada. E confirman que os locais non tiveron nada que ver cotexando a acta arbitral, que non recolle ningún incidente de carácter racista.
Mais a Uefa afirma todo o contrario. Para demostralo, atende á simboloxía pro-nazi dos grupos ultras do Atleti e aos berros contra xogadores de raza negra do Olympique.
Peñas como Frente Atlético teñen moitos antecedentes de defensa de consignas xenófobas e incluso un dos seus membros está na cadea por asasinar un seareiro da Real Sociedad hai anos.
O Bernabéu
O conflito do fútbol español no plano internacional non só atinxe a Uefa. Inglaterra suspendeu o encontro que ía xogar contra España o ano que vén ao non negarse a cambiar a sede do partido amigábel. A Federación Inglesa considera que o Santiago Bernabéu ten moi malos recordos para os xogadores e afeccionados británicos, que sufriron graves insultos racistas na súa última visita.
Foran aqueles os tempos da polémica polas declaracións de Luis Aragonés –entón seleccionador español– sobre Thierry Henry. Parte dos presentes naquel España-Inglaterra consideraron óptimo o momento para insultaren os negros do adversario.
A Federación Española de Fútbol non admitiu en ningún intre que si houbo aqueles insultos. Nesta polémica optou por considerar unha ultraxe a demanda inglesa e negouse a buscar unha sede alternativa. E iso que España non ten no Bernabéu a sede fixa dos partidos da selección. Os últimos encontros de España xogáronse en Albacete e Murcia.
Descargar Tarifas