Redacción . O líder do PPdeG compromete que manterá o seu apoio ao galego para que sexa “un dos idiomas da escola en Galiza, igual que o castelán”.
“No PP de Galicia todos respectamos, falamos, queremos e defenderemos ao galego. Como queremos, impulsamos e promovemos o galego estamos en contra da súa imposición”. Con estas palabras, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feixóo, asegurou que esta formación política "está onde estaba" en materia lingüística e rexeitou que dera "pasos atrás", polo que insistiu en que os populares manteñen o seu "apoio inequívoco" ao Plan de Normalización Lingüística. A preguntas dos xornalistas tras unha visita a Xunqueira de Ambía (Ourense), Feixóo matizou que, pola contra, non aceptan o Decreto do galego no ensino, un texto aprobado de forma "unilateral" polo Goberno autonómico, segundo recolle Europa Press. "O PPdeG defende o galego sen imposicións a pais e alumnos", proclamou, e engadiu que unha lingua "ámase" e "non se obriga". Así, apostou pola "promoción e defensa do idioma" e, dado que os populares "respectan, falan e defenden" o galego, rexeitan "imposicións". Fronte a iso colocou a política lingüística que está a levar a cabo o bipartito, que, ao seu entender, está a "romper a convivencia" entre o galego e o castelán.
Alberte Núñez Feixóo, presidente do PPdeG.
Descargar Tarifas