PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Cúmprese a vontade do galeguista
Os restos de Suárez Picallo descansan xa en Sada

Redacción .  Na tarde deste martes, tivo lugar en Sada o soterramento dos restos do deputado Ramón Suárez Picallo nun acto no que estiveron presentes representantes da política, da cultura e da sociedade galega, que non perderon a última vontade do galeguista.

Reloxo 14.10.2008 | 18:45

Homenaxe a Suárez Picallo en Sada Homenaxe a Suárez Picallo en Sada. AGN

Xa chegaron á Praza dos Irmáns Suárez Picallo, un marco incomparábel de Sada, os restos do deputado galeguista, que foron portados polo seu sobriño Ramón. Entre a comitiva acudiron numerosos persoeiros da política, da cultura e da sociedade galega. No acto interveu o alcalde de Sada, Abel López, que lle agradeceu os seus esforzos ás distintas institucións que permitiron que os restos do galeguista viaxasen de Buenos Aires a Galiza. O rexedor de Sada definiu a Suárez Picallo como “un home adiantado ao seu tempo, que buscou unha Galiza social”. López tamén parafraseou o que fora deputado, “o que gañei xa o perdín, o que perdín xa non o teño, só teño o que din”. Abel López finalizou as súas verbas repetindo as palabras coas que Ramón Suárez Picallo se despedía “saúde e terra ceibe”.

A continuación, o sobriño dos Suárez Picallo deulles as grazas aos centos de asistentes e ás mostras de admiración chegadas dende distintos puntos da xeografía. Agradeceulles especialmente ás institucións galegas que os restos do seu tío poidan xa descansar na terra que o viu nacer, cumprindo así o seu desexo.

No acto tamén participou o vicepresidente da Igualdade e do Benestar, que xunto ao Concello de Sada fixo posíbel o retorno de Ramón Suárez Picallo a Galiza. Anxo Quintana falou do que fora deputado como unha persoa que “encarna a esencia mesma da Galiza”, porque nel se fundiron “mar, emigración e exilio”. Quintana fixo fincapé no traballo que desempeñou o que fora director de A Nosa Terra a favor do país e dos dereitos do galego e afirmou que a chegada dos restos do galeguista a Sada “é xustiza histórica” para todo o exilio. “É a mellor homenaxe para o retorno e para todos os que loitaron pola conciencia de Galiza. A súa vida é o mellor exemplo do amor e da loita polo país”, apuntou. Quintana quixo lembrar na súa intervención que Ramón Suárez Picallo defendía un Estatuto para Galiza que hoxe en día “sería un Estatuto de Nación, que recoñeza o carácter nacional de Galiza”.

Ramón Suárez Picallo foi un dos máis importantes dirixentes da Federación de Sociedades Galegas, onde ingresou en 1924 xunto a Eduardo Blanco Amor e lle imprimiu un marcado rumbo galeguista de esquerda. Dende o seu falecemento, no 1964, os seus restos estaban depositados no Panteón do Centro Galego do Cemiterio de Chacarita. Agora, os restos de Ramón descansan por fin canda os do seu irmán Xan no cemiterio de Fiunchedo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río