Redacción . O comisario europeo de Pesca considera que o futuro do sector pasa polo desenvolvemento da acuicultura pero non a calquera prezo. Joe Borg amosouse partidario de planificar ben os proxectos para que sexan compatíbeis co medio ambiente.
Durante a súa primeira xornada en Galiza, o comisario europeo de Pesca incidiu na necesidade de apostar pola acuicultura para satisfacer a demanda do mercado xa que, segundo dixo, a pesca extractiva está chegando “ao límite”. Joe Borg rexeitou valorar o novo Plano Acuícola galego, aprobado a finais de verán, pero fixo fincapé en que resulta necesario planificar ben o desenvolvemento das piscifactorías para que sexan compatíbeis co medio ambiente. “Non podemos dar un cheque en branco a calquera que queira desenvolver un proxecto acuícola”, asegurou. Para evitar agresións ambientais, o comisario adiantou que a principios de 2009 a Comisión Europea vai emitir unha comunicación para sentar unhas bases neste sentido. Política Pesqueira Común Joe Borg continúa hoxe a súa visita a Galiza. Entre os actos do día destaca a inauguración de Conxemar 2008, a Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados que se celebra no recinto feiral de Vigo até o vindeiro xoves.
1 / 2
O comisario europeo de Pesca tamén amosou a súa confianza en que Galiza xogue un papel “importante” no futuro debate público que se abrirá a comezos do vindeiro ano para revisar algúns aspectos da política comunitaria de pesca. Dende o seu punto de vista, as conclusións que se obteñan servirán para elaborar unha nova política “máis adaptada á realidade actual do sector”.
Reestruturación da flota
Por outra banda, Joe Borg se referiu á necesaria reestruturación da flota pesqueira europea, pero puntualizou que “a identificación dos segmentos que a precisan é competencia dos Estados membros ou das súas comunidades autónomas”. A Comisión Europea xa designou un grupo de traballo que negociará a reestruturación con cada Estado tomando como base as avaliacións remitidas polas autoridades locais.
Descargar Tarifas