Redacción . A película '1977', da realizadora Peque Varela, o traballo 'Bata por fóra/ muller por dentro', de Daniel Castro e o filme 'After Shave' de Daniel Castro, foron os gañadores da II Mostra Internacional de Video Creación do Condado nas categorías de Mellor Videocreación, Mellor Documental e Mellor Curtametraxe de Ficción.
O premios, dotados dunha contía económica de 400 euros e un ‘Miviquiño’, realizado pola artista gráfica Noelia Outeda, entregáronse onte a noite no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, un espazo no que se desenvolveron todas as proxeccións. A película 'Bata por fóra/ muller por dentro', da directora galega Claudia Brenlla, recibiu o premio Mellor Documental. Rodada en galego e alemán a película preséntase como unha oda á prenda de vestir máis empregada en Galiza, a bata. Claudia Brenlla neste documental experimental retrata as mulleres que usan esta prenda, os vínculos que existen entre todas elas e o propia bata como símbolo. A banda sonora contou coa colaboración do músico El Puto Coke. O premio Mellor curtametraxe de ficción foi para a obra do director Daneil Castro 'After Shave'. A película xira ao redor da separación dunha parella. O día que Ali, a moza do protagonista, o abandona, chega a casa a videocámara coa que pensaban gravar os seus momentos máis íntimos. A ironía e o humor, ao tempo que a experimentación e o emprego de técnicas narrativas pouco convencionais valéronlle ao filme para facerse co premio. '1977', da directora galega Peque Varela recibiu o galardón no apartado de Mellor Videocreación. A creadora realiza a través dunha mestura de técnicas de animación en 2D e de 3D unha reflexión sobre a súa condición de muller homosexual e sobre o rechazo social que este colectivo aínda padece. A directora sitouse con no primeiro plano do audiovisual galego tras a selección no Festival de Sundance desta curta de animación. Actualmente está afincada en Londres. A organización fai un balance moi positivo desta segunda edición do MIVICO, a Mostra Internacional de Videocreación do Condado, tanto polo boa acollida do festival por parte de videocreadores de todo o mundo como pola resposta do público. Destaca ademais a calidade dos traballos recibidos e o risco creativo de boa parte deles. O MIVICO reafírma así a súa aposta pola videocreación e o cine máis independente da escena actual, sen esquecer as tendencias emerxentes dentro de outras disciplinas artísticas como pode ser a música.
Fotograma da videocreación '1977', de Peque Varela
1 / 2
Descargar Tarifas