Manuel Vilas . Fontes da fronte nacionalista aseguran que foi 'a maior participación de todas as asembleas', malia que non votaron nin 'Encontro Irmandiño' nin 'Movemento pola Base' en protesta polo novo sistema de delegados aplicado por primeira vez nesta ocasión en substitución do asembleario.
As últimas asembleas comarcais do Bloque Nacionalista Galego organizáronse esta fin de semana. Segundo fontes da formación consultadas por ANT Diario, nelas votaron 1.906 afiliados. Este “reconto provisional” non recolle os datos da emigración, polo que o BNG estima que a cifra final “roldará os 2.000”. Nas asembleas escolléronse 1.500 delegados, que canda 107 representantes do Consello Nacional deberán pronunciarse sobre a candidatura de Anxo Quintana á presidencia da Xunta a próxima semana nunha Asemblea Extraordinaria. Lista única co 98 por cento de apoio Fontes do BNG afirman que se trata da “maior participación de todas as asembleas”. Así, indican que nas votacións da última asemblea nacional votaron o informe político 1.367 afiliados. En todas as asembleas comarcais houbo unha única lista, que recibiu un apoio do 98 por cento. O grao de participación da militancia do BNG nas asembleas resulta un elemento moi importante para medir o éxito da última gran reforma da organización interna da formación. E é que por vez primeira os nacionalistas aplican un sistema de delegados fronte ao seu tradicional funcionamento asembleario. Beiras non acudirá Esta é precisamente unha das razóns pola que dúas das correntes minoritarias do Bloque, o Encontro Irmandiño e o Movemento pola Base anunciaron a súa intención de non participar no proceso de designación de Quintana. De feito, o líder do Encontro Irmadiño, o ex-voceiro nacional Xosé Manuel Beiras, dixo este venres que “haberá que ir” ao San Froilán de Lugo, que se celebra o mesmo día que a Asemblea Extraordinaria.
Unha asemblea comarcal do BNG en Ourense.
Descargar Tarifas