PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Prométeme', de Emir Kusturica
Fábula, con sentenza, sobre a Serbia de hoxe

J. A. Xesteira Tsane vive co avó e unha vaca nas montañas. Antes de morrer, o ancián pídelle ao rapaz que atravese as montañas, venda a vaca e encontre unha esposa.

Reloxo 29.09.2008 | 12:40

Fotograma de 'Prométeme' Fotograma de 'Prométeme'

Prométeme

Dirección e Guión: Emir Kusturica.

Elenco: Marisa Petronijevic,
Uros Milovanovic e Aleksandar Bercek.

Para min, cada película de Kusturica é un regalo; sucédeme o mesmo que con antigos e xa clásicos directores que gardo no meu santoral cinematográfico, no que o santo patrón, o único santo coñecido é Sam Peckinpah. Defectuoso ás veces, imperfecto outras, en mellor ou peor forma, Emir Kusturica divirte e conta historias. Esta vez, con esta peza que poderíamos considerar de arte menor, o iugoslavo (el di que naceu nun sitio que se chamaba Iugoslavia e agora, por moito que a partisen en cachos, el pertence a aquela realidade) relátanos un conto clásico, no que hai nenos (sempre hai un neno puro) avós (sempre hai en Kusturica un avó, que ten que mandar encargos) unha viaxe iniciática, unha princesa, e moitos perigos que o rapaz ten que sortear nun bosque cidadán onde contará coa axuda de amigos valentes.

O conto, unha fábula sen leccións morais, móstranos a Serbia nas portas da Unión Europea, e o conto clásico atópase adornado por mafias da prostitución, kalashnikovs e especulación inmobiliaria (nada menos que para montar as torres xemeas na Serbia); e así os malos andan en coches caros, beemeuves ou mercedes (todos con matrícula UE) e o resto anda en Trabants ou Wartburg, vellos iconos do comunismo. Como cabe esperar de calquera conto que se precie, o ben sempre triunfa e o xoven héroe alcanza a felicidade para que todos poidan comer perdices, o contrario sería un despropósito e o director sempre ten unha mirada agradecida e mira polos seus personaxes.

Pero o relato mantén o estilo habitual en Kusturica e aquí é onde pode haber diferencias de visión, hai quen non gusta deste tipo de historias e rexeita esta acumulación de imaxes, anécdotas, sucedidos e diálogos absurdos, e hai outros que sorrimos por debaixo da barba e nos deixamos levar por este aparente sinsentido, por eses personaxes tanxenciais (sempre atopamos algún que coñecéramos na nosa mocidade, como sucede naqueles narradores que recollen personaxes de dentro da memoria, onde viven seres universais) e por ese aire de tebeo mortadeliano con que resolve evidencias que na realidade resultan moito máis crueis (desgraciadamente, as mafias balcánicas non son tan simpáticas e esperpénticas como as da película, e os asasinatos meten medo e non dan risa).

A película respira aires de Fellini, de óperas bufas de Darío Fo, de cadros de Chagall e tempos de festa, e, claro, aí xa é cuestión de gustos, hainos que se enfrentan coa película porque non está ao seu gusto e poñen pegas por todo, e hai outros que entramos xa entregados ao director e nos deixamos levar polo seu mundo absurdo, con eses dous personaxes que parecen pintados con lapices Alpino, o home-bala que voa ao longo de toda a película e o enamorado terco que toca a guitarra.

Prométeme é un divertimento que encerra, se se quer ver, datos sobre o mundo de agora na Serbia, claves agachadas que habería que mirar con bisturí, pero non hai caso, tamén se pode ver como un conto feliz e divertido, con pinceladas de humor besta e a eterna música de vodas e funerais (aquí hai unha banda que toca nunha boda e un enterro ao mesmo tempo).
 

 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río