PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
o 5 de outubro celebran asemblea
BNG, do asemblearismo ao risco da unanimidade

H. V. A forma de representación da Asemblea Extraordinaria dos nacionalistas, motivo de polémica interna.

Reloxo 27.09.2008 | 09:54

Asemblea do BNG en 2006 Asemblea do BNG en 2006. Paco Vilabarros

A Asemblea Extraordinaria que o BNG celebra o 5 de outubro en Santiago incorpora unha modificación organizativa que motivou certa polémica: a supresión da asistencia libre e universal dos militantes e a instauración da representación mediante delegados. Varios colectivos consideran que se elimina a democracia interna, mentres que a dirección sinala que é unha garantía da presenza de todos os sectores e unha necesidade organizativa.

Desde a VII Asemblea do BNG, o Consello Nacional desta organización tiña a potestade de decidir mudar a forma de representación nas Asembleas desde a habitual asistencia de todos os militantes que o desexasen a unha forma de intermediación a través de delegados elixidos nas comarcas. Na pasada Asemblea, a XII, o Consello Nacional devolveulle á Asemblea a competencia nese eido e no mesmo acto decidiu que a partir de agora a participación será mediante delegados elixidos nas comarcas mediante un regulamento que redactaría o Consello Nacional e que se debatería nas propias comarcas. “Que razón habería para incumprir un mandado da asemblea?”, pregúntase o secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede.

A interrogación de Ansede relaciónase coas protestas chegadas desde varios colectivos do BNG, que consideran que o novo modelo “dificulta a democracia interna”. As dúas principais forzas que discuten este modelo son o Movemento pola Base e o Encontro Irmandiño. Con todo, Mário López Rico, coordinador desta última organización e integrante da Executiva do BNG, sinalou que “non estamos por extroverter os procesos internos do BNG”, polo que non realizou pronunciamento ningún.

Movemento pola Base, en troques, manifesta de forma aberta a desconformidade cun modelo de representación que, Breixo Lousada, membro da súa Mesa Nacional, considera que “pode impedir a participación das minorías e sobre todo dos independentes, que constitúe o grupo máis numeroso do BNG”.

Representación proporcional

Esquerda Nacionalista, que no seu momento manifestou a súa oposición a este sistema, acéptao e acátao porque é un acordo asembleario. No entanto, o seu secretario nacional, Xosé Chorén, sinalou que “agora o debate debe centrarse en como conseguir a participación de todos os sectores”. Tras o proceso de elaboración do Regulamento no Consello Nacional e o posterior debate nas asembleas comarcais, estableceuse unha participación de 1.500 delegados máis os 107 membros do Consello Nacional, integrantes natos da Asemblea. A forma de elección é de proporcionalidade pura a través de listas pechadas. Estas non teñen que cumprir o requisito de incluír o mesmo número de representantes que a cantidade de delegados que corresponde á comarca na que se presentan, senón que abonda con que as candidaturas alcancen o 25% do total de persoas elixíbeis. “Nos pensamos que o mínimo esixido podía ser máis baixo, en torno ao 15%, para facilitar a presenza das minorías”, indicou Chorén.

Con este modelo de participación, Movemento pola Base anunciou que non acudirá á Asemblea Extraordinaria e Breixo Lousada agoirou un “congreso á búlgara”. Chorén, pola súa banda, considera que este sistema “beneficia á dirección porque lle permite visualizar as tendencias e saber se hai unha masa social máis crítica”. Lousada, doutro lado, lembra que “a oficialidade teme os discursos alternativos”, mentres que Alberte Ansede lembra que “eses debates poden darse nas asembleas comarcais, que están a rexistrar moita participación”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río