PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
No Pazo de Fonseca ás 20 horas
O Pen Clube de Galicia outorga os Premios Rosalía de Castro a Kortazar, Couto, Margarit e Mutis

Redacción .  O presidente da entidade, o escritor Luís González Tosar, presentou no Hostal dos Reis Católicos o mozambicano Mia Couto, o catalán Joan Margarit e o colombiano Álvaro Mutis, e desculpou a ausencia do vasco Jon Kortázar, por problemas co seu vo.

Reloxo 26.09.2008 | 14:36

Luís González Tosar, Mia Couto, Álvaro Mutis, Joan Margarit, Miguel Anxo Fernán Vello e Luciano Rodríguez Luís González Tosar, Mia Couto, Álvaro Mutis, Joan Margarit, Miguel Anxo Fernán Vello e Luciano Rodríguez

Eles catro recibirán cadanseu premio Rosalía esta tarde, nun acto que terá lugar no Pazo de Fonseca, en Compostela, ás 20.00, e que contará coa asistencia da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, do presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e do reitor da USC, Senén Barro. Xunto a González Tosar, Couto, Mutis e Margarit, estiveron o profesor Luciano Rodríguez, compilador dos 51 poemas que integran o volume Poesía suspensa, e Miguel Anxo Fernán Vello, editor do mesmo.

Como sinalou González Tosar, o premio existe dende o 96, "para agasallar outras literaturas ibéricas". Salientou que se trata do único premio literario de ámbito ibérico, e que "une nunhas xornadas moi fraternais a escritores consagrados". Lembrou algúns dos que obtiveron o premio "e xa non están entre nós", como José Ángel Valente, "poeta de noso", que non chegou a recibilo, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Vázquez Montalbán, o catalán Joan Perucho, Josep Palau i Fabre, "pai da poesía catalá", ou a portuguesa Sophia de Mello Breyner.

Nesta sétima edición, son Jon Kortazar, Joan Margarit, Mia Couto e Álvaro Mutis os homenaxeados, que intervirán, en cadansúa lingua, no acto que terá lugar no Pazo de Fonseca. Mia Couto afirmou que, como fillo de emigrantes do Norte do Portugal, "probabelmente teña un fondo substrato de Galiza, casa que recoñezo como a miña propia, unha sorte de infancia reencontrada". O poeta mozambicano contactou coa literatura española a través de seu pai, que fuxía do rexime colonial portugués.

Joan Margarit defendeu a convivencia lingüística na súa intervención: "síntome na casa, con esta variedade de linguas a faceren poesía, porque a poesía é para todos a mesma, falemos na lingua que falemos. Nunca tiven problemas con amigos poetas noutras linguas. Os que puidese haber, eran de superestrutura, de orde política. Canto maior me vou facendo, máis constato que non é certo aquilo de "tradutore, traditore"."

Cunqueiro e Mutis

Pola súa banda, Álvaro Mutis asegurou "neste tempo en que vivimos, estas reunións son esenciais para que perdure esta arte de converter a palabra en testemuño da alma do home". Como colombiano residente en México, sinalou que esta acollida das literaturas iberoamericanas por parte "emocióname moito: nós vimos da tradición, da alma e do pensamento español. Ler, de neno, textos hispanos, era a felicidade absoluta". O autor salientou a súa moi especial relación con Cunqueiro: un amigo de seu, Luis Feducci, recomendoulle a lectura das Crónicas do sochantre e mais do Merlín e familia, nunha libraría barcelonesa. "Entrei nun mundo alucinante, marabilloso, cunha verdade literaria rotunda. Produciume un enorme pracer, e Cunqueiro converteuse para min nunha compañía que sempre teño presente".

Poesía para pendurar

Por outra banda, Miguel Anxo Fernán Vello e Luciano Rodríguez presentaron o volume Poesía suspendida, editado por Espiral Maior, e que reúne a creación poética de 51 autores e autoras en 10 linguas: galego, catalán, portugués, castelán, euskera, inglés, francés, alemán, italiano e polaco. Para Fernán Vello, este proxecto, literatura "suspensa no tempo e no espazo", configura "un espazo de encontro entre linguas poéticas, unha representación da fraternidade".

Luciano Rodríguez, pola súa vez, falou das orixes do libro, que lle encargaron como catálogo dunha exposición pensada para as arcadas de María Pita, na Coruña, no Día Mundial da Poesía deste ano. Propuxéranllo en novembro do ano pasado, e, coa axuda de Jon Kortazar e Xano Trevinca, comezou a tradución de 51 poemas, axeitados a este espazo, polo que ningún excede os doce versos. Cando en febreiro lle comunicaron que non podía realizarse a exposición finalmente, aceptouno con "resignación doída", pero agardou a ter unha oportunidade para publicalo. "Agora, celebramos con algo de retraso o Día Mundial da Poesía".

Amais do acto desta tarde, a xornada do sábado terá lugar unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, cunha ofrenda floral, ás 11.00. Xa ás 13.00, a Casa da Cultura "Ramón Martínez López", de Boiro, acollerá unha mesa moderada por González Tosar, co título "A literatura a debate" e a participación dos autores premiados, amais de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias. A seguir comezará unha ruta "valleinclanesca", pola zona do Salnés.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río