Redacción . As cifras oficiais do goberno da China xa alcanzaron os 15.000 mortos. Cóidase que hai 25.000 persoas atrapadas nos cascallos, moitas delas aínda vivas. Especialistas en construción indican que o tremor foi tan poderoso (7,9 na escala Richter) que causaría idénticos danos de se producir en Europa.
A primeira prioridade para as autoridades chinesas é arestora rescatar os posíbeis superviventes que agonían atropados baixo os montes de cascallos da rexión de Sichuan. O goberno considera que hai 25.000 persoas presas entre a broza e mobilizaron 50.000 soldados nos labores de busca e recuperación dos que aínda viven. Para evitar a fame negra dos xa evacuados, Beixing enviou até a zona tanto os cargamentos propios de alimentos como gran parte da axuda internacional que chegou á China procedente de todo o mundo. Ao tempo, outras dúas tarefas son prioritarias para o goberno, que actuou con rapidez, gañando incluso o aplauso de varias organizacións humanitarias internacionais. Por unha banda, procedeuse ao soterramento das vítimas para impedir que contribúan á propagación de andazos. Por outra, arquitectos e técnicos de todo o país viaxaron á zona para asegurar os edificios que sufriron danos e corren risco de caeren. Cidades como Duxiangian foron consideradas extremadamente perigosas e recomendóuselles aos seus veciños a evacuación completa. Xustamente, varios arquitectos de Suíza fixeron público nas últimas horas un comunicado no que consideran falso que os danos producidos en Sichuan aumentasen por mor da precariedade das construcións. "Un tremor de igual magnitude tería idénticos danos en Europa se lle afectase a unha área con semellante densidade de poboación", explica o comunicado. "Esas casas estaban tan pouco preparadas para un sismo como as de calquera vila europea". Varios especialistas tamén insistiron en que a creación do encoro das Tres Gorxas foi decisivo no aumento do risco sísmico na rexión. A relación entre presas de auga e terremotos estúdase en varias universidades do mundo.
Unha parella acarón dos cascallos da súa casa, na rexión de Sichuan. REUTERS