PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
Suso
Baleato
Administrador de Sistemas
Nas vésperas do Día Europeo das Línguas
Steiner, Firefox, Galiza
Compre parabenizar os membros do PEN Clube da Galiza por teren logrado tornar evidente –e así neutralizar– unha estratexia que só resulta efectiva en tanto permanece oculta: esa, tan do gusto do centralismo español, consistente en amplificar mensaxes vexatorias e pexorativas contra a nosa cultura tras o parapeto dunha farisaica apoloxia da liberdade de expresión empregada como coarctada pra reproducir –atribuídos a persoa allea– textos que, por causar descreto a quen os suscribe, nunca son asinados como propios.
 22.09.2008 | 11:01

Refírome á polémica suscitada polo irreflexivo comentario do profesor George Steiner; polémica que merece ser contrastada coa que anteriormente tivera lugar en relación á tradución do Firefox ao galego, dados os significativos paralelismos que rexistran.

Estes resultan evidentes: a comparación en termos pexorativos do galego co catalán, a ignorancia dos entrevistados sobre os precedentes históricos –co silencio (cómplice?) do xornalista–, o apelo ao rigor xornalístico e ao prestixio internacional do entrevistado pra lles dar pábulo a textos lesivos contra a nosa cultura aproveitando –e omitindo remediar– a súa desinformación, a reacción efectiva e inmediata da sociedade galega na defensa da súa identidade e da súa dignidade e a obtención dunha desculpa por parte do autor das declaracións... pero sobre todo: a publicación do infundio a través dun medio masivo de comunicación de masas en papel e complementado coa difusión electrónica baixo a iniciativa e a dirección do Grupo PRISA.

As semellanzas impiden apelar á casualidade como causa da coincidencia. E sendo así cómpre perguntarse: a que responde esta animadversión, este racismo lingüístico do grupo editorial español contra a cultura galega? Será que somos unha ameaza porque –a diferenza do éuscaro ou do catalán– o noso idioma está á distáncia de só un click ortográfico pra conquerir o rango internacional que só desfrutan os idiomas dos estados-nación? Que está a facer o Instituto Cervantes, que tan pouco se sabe e tan errado da nosa cultura por aí fora? Dirixiuse esta institución ao autor das declaracións ou ao medio que as difunde co obxecto de esclarecer tales erros e omisións? Búscase alimentar un conflito galego-catalán se cadra? Disimulen a sorna da retórica, pero é que pra chorar xa están os incontestábeis resultados estatísticos colleitados pola autodestrutiva política lingüística instaurada nesta democracia post-franquista da que andamos a saír; pois algo de autocrítica cumprirá facer tamén.

Ademais das similitudes, cabería sinalar unha diferenza notábel entre ambos os casos, referida ao tempo que tardamos en obter a desculpa. No caso Steiner tardamos máis de 20 días; a desculpa de Nitot obtívose en cambio en 48 horas. Podería deberse á falta de apoio institucional no caso Steiner (non atopei proba de comunicado ou acción algunha por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística) que no caso Firefox rexistrou o apoio decidido da Consellaría de Innovación e Industria. Ou podería deberse ao papel xogado polas tecnoloxías da información e da comunicación, a cuxo uso están mais adecuados os membros da comunidade de localización de software libre. Cuestións estas que deixo para complementar as reflexións en curso.

O que parece evidente é que as crises, cando son xestionadas convenientemente, mantendo a serenidade e facendo propostas en positivo, tenden a derivar nunha mellora da situación anterior e xeran unha aprendizaxe. Como exemplo e pra tratar de neutralizar con algún éxito o sabor amargo da ignorancia allea acerca do propio, segue a URI onde se acaba de xerar unha compilación oficial da última versión do Firefox 3.0 en galego, pra quen queira ila probando: pra Linux, para Windows e tamén para Mac.

Finalmente, e a modo de primicia –que unicamente coñecían até agora os membros da comunidade galega de localización de software involucrados na tradución do Firefox– unha versión preliminar das páxinas de benvida que verán as persoas tras a instalación do Firefox en galego... no seu propio idioma. É software libre e por tanto... admítense suxestións. ;-)

 
O Presidente da Fundación Mozilla-Europa, Tristán Nitot, aldraxa a comunidade galega de tradución de software
O caso Firefox
Maio de 2008. Na rolda de correo electrónico da comunidade galega de tradución de software libre ao galego aparece unha alerta: os mesmos que durante anos bloquearon a oficialización da nosa tradución do Firefox din agora que se non hai versión oficial é por que non hai voluntarios "que amen a súa língua".

A finais de maio deste mesmo ano o Grupo PRISA difunde unha entrevista a Tristan Ninot, presidente e co-fundador da Fundación Mozilla en Europa na que se cubre de gloria coa seguinte frase: "Hay una versión en catalán de Firefox construidas por voluntarios que les importa su idioma, al igual que la hay de euskera. Pero aún no hay una versión en Galicia, muchas veces me lo preguntan y mi respuesta es que si nadie de Galicia se presenta no habrá una versión en gallego, estamos dispuestos a que la gente trabaje con nosotros."

Con estas declaracións, Nitot non só daba a entender que se non había Firefox en galego era por que en Galiza non había voluntarios aos que lles importe o seu idioma: estaba simplemente ignorando o traballo que os voluntarios de tradución do software libre levaban facendo dende o ano 1998 para traducir ese software ao galego. De novo, a reacción non se fixo esperar.

Tras a alerta inicial, enviouse unha mensaxe aclaratoria que recibiu adhesións de toda a comunidade de tradución do software libre ao galego e o apoio público dende institucións como o Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) a través do seu director, Xavier García Tobío. O macizo apoio da comunidade permitiu coordenar dende Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza un operativo que logrou, co definitivo apoio da Consellaría de Innovación e Industria, a emisión dun comunicado oficial de desculpas no que a Fundación Mozilla-Europea admitía o erro a través do blogue personal do seu propio Presidente.

Ademais das desculpas, a xestión desta crise abriunos as portas da Fundación pra facer oficial unha tradución que viña manténdose viva de forma voluntaria e pouco despois Mancomún informaba que a tradución oficial do Firefox estaba xa en camiño.

George Steiner, profesor e filósofo de recoñecido prestixio despreza o noso idioma
O caso Steiner
Agosto de 2008. Ábrese o Firefox (xa en galego) e aparece un intelectual de recoñecido prestixio afirmando que o galego non é un idioma de rango universitario

Sobre a polémica Steiner escribiuse tanto (e tantas veces bo) que resulta imposibel resumir o caso sen omitir escritos importantes, pero que en todo caso comeza cando as rotativas do Grupo PRISA difunden unha entrevista a George Steiner na que se cobre de gloria coa seguinte frase: "¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?"

O Indignor que omitiu o autor do condescendente titular co que a nova me chegou por Chuza, foi suplido de forma inmediata por unha onda de reaccións procedentes do mundo cultural materializada en múltiplos artigos de opinión, un escrito conxunto da Mesa pola Normalización Lingüística, a AELG e mais o PEN Clube de Galiza, así como dous comunicados destas dúas últimas asociacións críticos coas palabras de Steiner: o da AELG que sinalaba acertadamente as carencias nas infraestruturas de internacionalización da nosa lingua e cultura; e o do PEN Clube, poñendo a énfase na responsabilidade do autor da entrevista e situando como pano de fondo o desafortunado Manifesto por la Lengua Común.

Precisamente o comunicado do PEN Clube provocará unha airada e visceral reacción en contra do colectivo de escritores galegos por parte de nada menos que o Director de Relacións Institucionais do Grupo PRISA e da Oficina do Autor na Tribuna de Opinión do seu diario de cabeceira (El Pais).

Entón sucedeu o que ninguén da caterva centralista agardaba: chega un correo electrónico que o propio Steiner fai chegar a El País pra lle ser remitida ao PEN Clube, solicitando desculpas polo seu "comentario irreflexivo"... desmentindo por tanto as acusacións de 'sacralización' da língua da que era obxecto o galeguismo e desautorizando por tanto a liña editorial do Grupo PRISA.

En diversas bitáculas electrónicas de interese literario seguiuse a polémica de cerca; se cadra esta entrada de O Levantador de Minas resulte un bon ponto pra continuar a aprofundar na cuestión.

 

Para Juan Cruz, o autor da entrevista a Steiner
Postscriptum
Non é o mesmo facer unha entrevista que tomar e reproducir literalmente un ditado.

Leo que se sente vostede ferido por térenlle sinalado a súa corresponsabilidade na difusión da aldraxe que para a cultura galega supón a entrevista da que vostede é autor, afirmando que o manifestado polo PEN Clube de Galicia nese senso equivale a unha falta de respecto ao exercicio xornalístico.

Permítome lembrarlle que o medio de comunicacion que publicou a súa entrevista dispón dun Manual de Estilo accesíbel por vía electrónica que no apartado correspondente ás Entrevistas en Suplementos –pois tal é a natureza da que tratamos– abre de forma explícita a posibilidade de facer o que o PEN Clube botou en falta. Nada parece haber de furor intransixente no apelo do PEN International a través do seu centro galego. Puro apelo ao rigor no exercicio da súa profesión, por tanto. O demais: mantenella y no enmendalla.

Sexa como for, teña en conta que as feridas son efecto lóxico do envolvemento nas guerras e que, cun pouco de fortuna, a súa unicamente requirirá dunha breve convalecencia. Ten ante si o soldado unha excelente oportunidade na convalecencia pra reconsiderar a conveniencia do seu envolvemento na contenda; e de tratarse do belicoso Manifiesto de la Lengua Común, se cadra unha clarificación pública sobre a súa adhesión podería resultar sandadora.

Cun pouco de sorte e tempo a tal ferida tornará en cicatriz: leve pero abonda pra lle lembrar que cando o Minho soa, auga leva.


 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río