Redacción . ANT Dixital falou cunha das avogadas que traballaron no 'caso croissant'. Malia que non foi doado, os letrados conseguiron para os acusados 'a pena máis baixa que lles podía caer'.
Conformidade. Isto é o que senten os implicados no chamado 'caso croissant'. E é que un acordo co fiscal xefe, que nun principio negábase a negociar, evitoulles ir a prisión. “Houbo conformidade entre os avogados e os nosos clientes”, afirma unha fonte próxima ao caso. A avogada dun dos sete imputados revela que a valoración do caso “é moi boa”. “Fixemos todo o que puidemos e finalmente conseguimos a pena mínima do que lles podían impor” porque “non era difícil que algún deles acabase no cárcere”, advirte. Esta fonte advirte de que para comprender casos coma este cómpre ter en conta os antecedentes dos acusados, a diferenza entre furto e roubo e saber que "para a xustiza é o mesmo roubar unaha agulla que unha xoia".
Croissant
A avogada fai fincapé en que os feitos non foron un roubo, “foron tentativa”, porque “o roubo non se chegou a consumar, non colleron os croissants”. Esta fonte lembra que os donos da bocataría, que se decataron por casualidade, non quixeron poñer ningunha denuncia. Non obstante, explica que o fiscal partiu da acusación do roubo.
'Non son conscientes do que lles puido caer'
“Fomos nós máis conscientes do que puido pasar que os sete acusados”, apunta a avogada. Os rapaces, que ían de volta para a casa logo de saír pola noite, case entran na cadea por menos dunha ducia de croissants.
A avogada asegura que tanto aos acusados como os profesionais sorprendeulles a difusión que tivo este caso na prensa. “Ás veces dá a impresión de que se trata de ridiculizar a xustiza por casos coma este, porque a opinión pública non entende que por unha bandexa de croissants estes mozos podían ir ao cárcere e tampouco entende que teñan que pagar 360 euros por persoa tres dos implicados”.
Descargar Tarifas