Redacción . 'Prohibido estudiar en español' é o título a través do que 'El Mundo' presenta reportaxes nas que reflicte o 'perigo' que sofre o castelán nos sistemas educativos de territorios con lingua de seu. O pasado día 8, o periódico adicoulle o artigo a Galiza.
O luns 8 de setembro, El Mundo referíase nunha reportaxe de dúas páxinas á iniciativa dun colexio bilingüe español-inglés de Vigo que emprega o sistema de ensino norteamericano “para poder ofrecer máis horas de clases de castelán”.
O periódico de Madrid recolle na reportaxe asinada por Manuel Romero que moitas familias galegas "para escapar de la experimentación social e ingeniería lingüística a la que está sometiendo la Xunta de Galicia a los niños de su comunidad" convidan nas vacacións "chicos de fuera de la región para realizar una especie de intercambio lingüístico nacional que fomente el uso del español que no se practica en clase".
Comentario en Galicia-Hoxe
Galicia-Hoxe refírese na contraportada do 18 de setembro á información de El Mundo. No 'Vai de Blog', Fran P. Lorenzo comenta así o artigo, “axiña imaxinei as moradas dos meniños galegos –pallozas con calefacción animal ou lúgubres vivendas urbanas–, repoboadas por arios valisoletanos, portadores dese castelán puro que aquí lles é brutalmente negado”.
“Ao lado da campaña de El Mundo/PP contra o idioma deste país, o desprezo dun sabio como Steiner cara á lingua galega pareceume mesmo tenro, polo que ten de senil inconsciencia”, conclúe o blogueiro.
Descargar Tarifas