M. V . A crise non pode servir de 'escusa' para recortar o gasto en subvencións aos colectivos marxinados, advirte o vicepresidente no balance do 'II Plano de Inclusión Social'.
II Plan Galego de Inclusión Social.
O vicepresidente da Xunta argumentou que “o novo ciclo de dificultades económicas en ningún caso pode servir de coartada para o recorte das políticas sociais”. Anxo Quintana advertiu que nas negociacións dos próximos orzamentos galegos e estatais, o BNG pedirá o mantemento do gasto social, que xestiona o departamento do político allaricense. Quintana aposta por “máis recursos humanos, máis equipamentos asistenciais e máis instrumentos normativos”. De “verdadeiro exército a prol da inclusión” cualificou os máis de 100 profesionais que traballarán en equipos de inclusión da Vicepresidencia a final de ano. No eido lexislativo, Quintana adiantou a próxima reforma da RISGA, a pensión non contributiva que cobran os máis desfavorecidos. A Vicepresidencia aposta por facela “máis flexíbel” de xeito que a cantidade económica a cobrar varíe en función das circunstancias do beneficiado.
Reforma da RISGA
O líder do Bloque fixo estas declaracións no balance do 'II Plan Galego de Inclusión Social', acto organizado onte nun luxoso hotel de Santiago. Máis dun cento de persoas –moitas representantes de asociacións que traballan con colectivos marxinados– coñeceron de primeira man as claves da futura política social dos nacionalistas.
A posta en marcha de sete novos equipos de comarcais de inclusión, 16 equipos específicos para menores, a creación de centros de emerxencia social nas sete cidades serán outras das novidades.
“Estamos lexitimados para pedir máis”
O voceiro nacional do Bloque destacou os 76 millóns de euros investidos en só dous anos no Plan. Valéndose desta cifra, argumentou que “estamos lexitimados para pedir máis, porque somos capaces de executar o que orzamentamos”.
A secretaria xeral de Benestar, Chus Lago, detallou os “avances” do Plan. Así, destacou que en 2008 o programa tivo un investimento estimado de 45,7 millóns, máis de 15 millóns máis que en 2007. Un de cada cinco menores en Galiza está en risco de sufrir exclusión social, segundo expuxo a secretaria xeral.
Descargar Tarifas