PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Bieito Silva, estudou o idioma no ensino
‘Se o galego non se privilexia non terá futuro’

Carme González Magdaleno O Consello da Cultura Galega vén de publicar en colaboración co ICE o informe 'Situación do Ensino da Lingua e da Literatura Galega na Educación Secundaria Obrigatoria'. O coordinador da investigación, Bieito Silva, comenta os seus resultados.

Reloxo 13.09.2008 | 09:13

Bieito Silva Bieito Silva

O estudo que dirixiu constata a contradición entre a importancia que se lle recoñece ao uso comunicativo do galego e a práctica docente real.

Os profesores están convencidos de que o primordial é o uso comunicativo, pero a realidade é que as clases se centran máis na gramática e a ortografía. Son moitas as posíbeis causas que o explican: a falta de formación, a escaseza de recursos, as rutinas ou a orientación dos libros de texto. Pero o certo é que dende o punto de vista pedagóxico ese método non funciona.

Como debería ensinarse?

Hai que partir de que un idioma non se aprende só na aula de galego, senón tamén noutras materias ou no patio de recreo. E sobre todo é decisivo que se use fóra do centro escolar.

A tendencia á gramaticalización pode achacárselle tamén ao ensino dos idiomas en xeral?

Pode. Precisamente isto acontece porque o método de ensino do galego se importou directamente do da lingua castelá, seguramente por falta de referentes ou dunha formación específica. Pero xa se está operando un cambio no ensino dos idiomas estranxeiros como o inglés ou o francés, para acabar co problema de estar estudando unha lingua durante anos e non ser quen despois de tanto tempo de usala con fluidez na vida real.

É preocupante que só o 21’5 % do alumnado sexa galegofalante de inicio?

Este dato vén ser o máis preocupante de todos. O futuro do galego pasa porque sexa unha lingua de inicio que se fale fóra e antes da escola. Seguindo a lóxica de mercado, o galego non é unha lingua poderosa, polo que é dubidosa a súa continuidade concibíndoa como lingua engadida. Precisa ser privilexiada en todos os ámbitos, duración, e como lingua inicial. Por iso hai que falar de plurilingüismo no canto de bilingüismo e buscarlle un espazo nel ao galego como lingua de inicio. É a única forma de garantir o seu futuro.

A investigación confirma que os mínimos de presenza do galego que establece a Lei de Normalización non se cumpren nunha porcentaxe notábel. Que mecanismos considera precisos para corrixir esta situación?

É urxente pór en marcha iniciativas de promoción e axudas aos centros. Hai que analizar as causas reais de que as normas non se cumpran, pois na maioría dos casos soe ser por falta de recursos. Nese senso eu son máis partidario do apoio e dos incentivos positivos que da fiscalización sancionadora.

Tamén constataron que o alumnado non amosa unha predisposición negativa cara o galego. Por que se tende entón a crer que son reticentes a aprendelo?

É certo que os nenos mostran unha positividade tépeda cara o galego e que en todo o caso aceptan sen máis o ter que estudalo. Os miramentos respecto a lingua veñen de fóra, e son alleos aos rapaces. Son os argumentos falsos e simplistas sobre o que realmente significa aprender idiomas. Un exemplo sería dicir que o galego resta capacidade para aprender outras linguas, cando é máis ben o contrario: tanto a ciencia como a experiencia demostran que estudar calquera idioma é un factor de impulso para entender moitos outros, ábrese a mente á pluralidade lingüística.

Se os datos empíricos revelan con claridade a desvantaxe do galego fronte ao castelán, por que algúns sectores afirman que “o español desapareceu do ensino secundario”?

Esa visión denota unha fobia inxustificada cara o galego e cara a diversidade lingüística en xeral. Por moito que intenten escudarse no bilingüismo e na igualdade, as súas propostas (como a elección dos pais sobre se os nenos deben estudar en galego ou castelán) levaríannos na dirección oposta: cara á desigualdade e a creación de dúas comunidades lingüísticas que acabarían afastadas non só polo idioma, senón por outras características sociais. Esas ideas soan máis ridículas aínda se temos en conta que entre galego e castelán nin sequera existe unha barreira de comprensión.

Está a aumentar ultimamente o clima social desfavorábel cara o galego?

Tal vez si como fenómeno mediático. Aumenta a tensión e os discursos prexuizosos. Porén, penso que isto non ten correlación no corpo social. É unha polémica activada e condicionada por motivos ideolóxico-políticos que tomou como ariete o decreto do ensino. A súa importancia radica na influencia que poida acabar tendo nas decisións de política lingüística, pero non ten maior transcendencia na base do sistema.

Faga unha pequena valoración da política lingüística dos últimos tempos.

O Plan de Normalización foi un instrumento importante, que pode ser cativo pero que tivo un proceso aberto de elaboración e que veu seguido dunha medida coherente: o Decreto de promoción do galego. O problema é que dá a impresión de que non acaba de arrancar, parece que faltan pulo e recursos, e se se marcan unhas pautas hai que facer que se cumpran canto antes (aceptando as dificultades). En xeral, penso que o erro de sempre foi identificar política lingüística con política lingüística escolar.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río