PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
Comeza a OK Liga de hóquei
O Liceo resiste pese á crise

Rodri Suárez O club máis laureado de Galiza ponse en marcha este sábado cunha aposta pola continuidade e a canteira que converte en aínda máis importante a súa estabilidade na elite.

Reloxo 10.09.2008 | 17:58

O Liceo, subcampión da OK Liga O Liceo, subcampión da OK Liga

Houbo tempos nos que Riazor tiña máis público que Riazor. O Pazo dos Deportes gañáballe ao estadio. Foi hai dúas décadas, pero aquel club de hóquei a patíns que convocaba nove mil persoas nun pavillón con bancadas supletorias segue loitando polos máximos obxectivos malia que a súa cidade volveu ao fútbol da man do mesmo presidente que antes gañouno todo co verdibranco conxunto a patíns. No curso anterior (2007-08), o Liceo quedou a piques de todo, pero estivo na Final Four europea, na fase decisiva da Copa do Rei e nos play off da Liga. Quizais semella pouco en vista do seu palmarés, mais a súa é unha historia de resistencia no alto como poucas hai en Galiza, talvez só comparábel ao Celta de baloncesto feminino en canto ao que o deporte galego lle debe en términos clásicos e o pouco que se lles atende agora.

Seguramente somos o club cunha historia máis importante de toda Galiza, pero xa non se trata de vivir do pasado, senón do día a día. Temos un equipo na División de Honra que na tempada anterior foi o único da comunidade que chegou a unha final four europea e ademais temos centos de rapaces na base, o filial, que xoga no que en fútbol sería a Segunda División, trátase dun conxunto 100 por cento galego, da nosa man practícase hóquei en moitas vilas (agora comeza en Cerceda). Precisamos apoio pero aí continuamos”, comenta o presidente do Liceo, Eduardo Lamas. El é un histórico disto, tanto que o capitán do equipo é o seu fillo Josep. Séntese orgulloso, pero tamén realista. “Non se nos valora en canto a que creo que este é un deporte visual e vendíbel, pero non se nos saca na televisión, nin sequera nas que deberían e dígoo dende o respecto e coñecendo as súas boas intencións e sabedor das limitacións que hai”, afirma, suxerindo unha mensaxe aos medios públicos. Esa necesidade crea conxunto tamén no deportivo. Aí seguen Llaverola ou Pablo Álvarez. E a sensación de ser unha illa rival nun mundo catalán. En pistas pouco cariñosas. Cun nome que se sabe importante. O Liceo da Coruña. Quizais máis admirado fóra que na propia cidade que viuno nacer, na que aínda así segue a ser un referente. Histórico. Con todo o malo e o bo que esa denominación implica.

Eu vivín en Catalunya moitos anos, e sei o que concede de identidade e incluso de traballo social, por suposto deportivo, o que fai un club asi, xa non podemos competir co Barça ou o Reus no económico, pero damos guerra e temos unha escola detrás, pode parecer que o plantel deste ano é de continuidade porque non damos para máis, pero a realidade é que este é o noso teito, quedamos a nada de gañar grandes cousas e melloramos para esta tempada, pero ten máis valor competir até o final por todo que un título que sería máis mediático pero non é o que buscamos, loxicamente sen renunciar a un respaldo que poderíamos ter”, comenta Lamas, tamén preocupado –e sen querer relacionar unha entidade común con políticas individuais– pola falta de nivel deportivo a nivel de clubs na Coruña. “Hai que combinar as xestións do estilo de ximnasios para todos os públicos co coidado da elite, porque unha tira doutra. Sendo certo que o deporte coruñés precisa máis apoio das institucións e particularmente do Concello, tamén é certo que o novo gabinete de deporte na cidade dobrounos a axuda, o que demostra que este club non é dun ou outro, é un ben da Coruña e de Galiza”, asegura o presidente do Liceo, esperanzado coa nova tempada que comeza o sábado. Outro curso de supervivencia no alto. Onde semella que non se ve. Pero está.


Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río