Redacción . Esta mañá os imputados pola rede que supostamente comercializaba vieiras extraídas na Ría de Ferrol prestaron declaración perante o xuíz no Xulgado número tres da cidade.
Pasadas as 10.30 horas, varios vehículos da Garda Civil trasladaron, polo menos, dez dos presuntos implicados no caso da suposta venda ilegal de vieiras. A benemérita xa confirmou a detención de seis mariscadores e non se descarta que, entre eles, se atope o responsábel da firma de distribución comercial das vieiras capturadas de xeito ilegal. Estes seis mariscadores prestaron declaración durante máis de dúas horas perante o xuíz. Polo de agora descoñécese se pesa sobre eles algún cargo. A cifra de detencións entre os presuntos furtivos podería elevarse a 12, dado que durante a mañá do domingo se produciron máis arrestos, segundo avanzaron fontes da Garda Civil. Tres prestixiosos restauradores que rexentan negocios en Santiago de Compostela, Poio e Sanxenxo atópanse entre os imputados. 4.000 quilogramos de vieira Na operación de investigación interviñéronse 4.000 quilogramos de vieira no interior dunha nave situada en Santiago de Compostela. Na suposta sede tomáronse mostras do marisco para analizar se está contaminado pola toxina ASP, que pode causar serios danos na memoria e problemas neurolóxicos graves. O delito que se lles imputaría aos implicados consistiría na recollida furtiva e a posterior comercialización ilegal de vieiras susceptíbeis de conter a toxina perigosa.
Conxunto de vieiras
As Consellarías de Sanidade e de Pesca e Asuntos Marítimos lémbranlle á cidadanía a importancia de consumir moluscos perfectamente identificados. Tamén advirten do risco que supón a compra de moluscos fóra dos estabelecementos de venda ao público, que son os que garanten a súa calidade sanitaria.
Ambos os departamentos informan de que na actualidade non existe posibilidade legal de que no mercado estean á venda vieiras vivas procedentes das rías galegas. A única vieira de orixe galega que pode comercializarse é a que se somete a un proceso de evisceración (eliminación da hepatopáncreas) nun centro autorizado pola Xunta. Non obstante, a día de hoxe non hai ningún plan de explotación autorizado, polo que todas as vieiras á venda son de importación.
Descargar Tarifas