Rexentaban o quiosco da estación de ferrocarril de Ribadavia e alí despachaban melindres, rosquillas e pavías de Beade e Vieite. Tamén licor café e viños do Ribeiro de gran sona, que lles servían para aforrar, no día a día, e manter a casa porticada da rúa do xuíz Viñas número 2. Nela vivían e de alí saía a masa de fariña de pan trigo con destino ao forno da mesma rúa. Chegaban logo as viandas ao quiosque da estación para facer coincidir a súa venda en quente co horario de saída e chegada dos comboios.
Lola tivera de solteira un fillo que criou co apoio das súas irmás. Sempre andaron moi unidas no seo dunha familia ben numerosa. Chegaron a sete, tres homes e catro mulleres. Isolina, elas e máis Paco, Camilo e Guillermo. Os malos tempos do 36 fóronos pasando coa perda dalgunha amizade no camiño, mais, curados da desfeita maior, sentiron chegar outra de Europa. Era a dos xudeus perseguidos que, as irmás Touza Domínguez, Lola, Amparo e Xulia, comprometéronse en salvagardar xuramentadas nunha rede de apoio. Elas eran quen desviaban cara a Portugal a todos aqueles que escapaban do gaseamento e a persecución cando chegaban a Galiza.
Lola Touza teceu a malla clandestina co concurso dun familiar taxista. O coche de punto de Xosé Rocha Freixedo pasou a ser de confianza. Como tamén o era o de Xavier Míguez O Calavera, tamén con praza de taxi en Ribadavia. Á chegada dun tren sinalado, de noite ou de día, Lola, sempre atendía os viaxeiros en situación de auxilio. Agachaba os fuxidos na súa casa e dáballes mantenza e descanso coa complicidade familiar das súas irmás.
No silencio da noite elexida apuraban a condución cara a fronteira. No auto de Rocha ou do Calavera enfiaban por Reza, Paixón, Arnoia e Meréns, encomendándose á sorte. As lendas do Rego do Gato, da Pedra das Pechaduras e do Burato das Chairas quedaban atrás por Rabiño, Cortegada, Casal, Trado e Desteriz camiño da salvación. Logo Ponte Barxas e unha fronteira onde abeirar os fuxidos.
Eran anos de fame, mais Lola, Amparo e Xulia trasegaban sen medo a xudeus e perseguidos que viñan xa marcados e contactados desde Monforte. Os enlaces conducíanos até elas e o seu quiosque da estación, correndo sempre cos custos de coches e máis guías, que agardaban na raia de Portugal.
Lola morreu o 26 de xuño de 1966. Amparo descansou o 6 de febreiro de 1981 e Xulia desapareceu o 6 de xuño de 1983. Xuntas viviron e xuntas están enterradas no cemiterio de Ribadavia. As faldriqueiras das irmás Touza Domínguez sempre tiveron fondo para sacrificarse na honra dos seus antepasados e da liberdade dos descoñecidos.l
Publicado en A Nosa Terra 1.122 e recollido no volume Memoria de Ferro