Redacción . Máis independente, internacional e reafirmado pola boa acollida de videocreadores nacionais e internacionais preséntase a segunda edición da Mostra Internacional de Videocreación do Condado, MIVICO 08, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro en Ponteareas.
Desta vez, o espazo de proxección móvese ao Centro Cultural Sportivo, que ademais de servir de escenario para a actualidade da videocreación internacional, dará cabida a diversas propostas musicais e escénicas durante os tres días do festival.
O número de traballos recibidos para participar no MIVICO 08 triplicou aos do ano pasado. O festival dá así un paso máis no seu propósito de consolidarse no calendario audiovisual galego como escaparate das propostas audiovisuais máis independentes.
Filmes procedentes de Arxentina, Estados Unidos, Noruega, Italia, Portugal e de diversos puntos do Estado español competirán polo premio nas tres categorías establecidas (curtametraxes de ficción, videocreación e documental).
O festival volve apostar nesta segunda edición pola música emerxente e grupos que están a despuntar no panorama actual.
O MIVICO 08 reafirma así a súa aposta pola videocreción e o cine independente coa intención ademais de abrir una fiestra á creación máis arriscada.
Itinerancia
Como antesala do que será o festival, o domingo 21 de setembro ás 22 horas farase en Ponteareas unha proxección ao aire libre dalgúns dos traballos recibidos. A entrada é de balde.
Descargar Tarifas