PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Contra a violencia de xénero
Carme Adán: 'Hai que traballar na coeducación'

Redacción .  Decenas de persoas se congregaron diante do edificio central da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para manifestaren a súa repulsa contra a violencia machista, logo de ser asasinada pola súa parella unha muller en Vigo este domingo. Participaron no acto a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e a directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza.

Reloxo 19.08.2008 | 13:10

Minuto de silencio en San Caetano Minuto de silencio en San Caetano

Logo dun minuto de silencio, mentres outra manifestación paralela de axentes forestais e medioambientais tiña lugar en fronte, Carme Adán falou cos medios sobre as medidas que Igualdade ten en marcha para frear a violencia de xénero. "Dende o goberno galego queremos amosar a nosa repulsa a este novo acto de violencia de xénero. Traballamos todo o ano no desenvolvemento de marcos normativos avanzados, para que se vaian concretando cada día, e conseguir que as mulleres vítimas teñan cobertura de todo tipo: económica, psicolóxica, de vivenda...".

Con respecto ao último episodio de violencia patriarcal en Galiza, cando un home matou á súa parella diante dos fillos, na noite do domingo para o luns, chamou a atención sobre a necesidade de concienciar á cidadanía de que actúe cando perciba algún sinal. "Que o poñan en coñecemento dos corpos de seguridade do estado, dos servizos sociais". "O importante é axudar no posíbel a esa muller. Que teña coñecemento dos teléfonos de axuda, dos seus dereitos e dos servizos que pode pedirlle tanto ao goberno galego como ao seu concello", engadiu.

O Teléfono das Mulleres, 900 400 273, funciona as 24 horas do día, con cobertura para toda a Comunidade Autónoma, e o acceso é gratuíto e anónimo.

Conferencia sectorial

"Dende o goberno galego, na última conferencia sectorial, formulóuselle a nosa perspectiva á ministra de Igualdade, e propúxose que en Galiza se poidan ofrecer recursos sen necesidade de pasar pola denuncia". Así, unha muller que estea sufrindo malos tratos e queira percibir o salario da liberdade pode facelo a través dunha orde de protección xudicial, sentenza, informe do Ministerio Fiscal, dos servizos sociais, sanitarios ou dos centros de acollida. Neste momento hai 676 salarios da liberdade concedidos e refórzase a asistencia psicolóxica tanto ás mulleres que padeceron violencia como aos seus fillos e fillas. Amais de avaliaren a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, nesta conferencia sectorial pensaron tamén como implementar boas prácticas a nivel local. Pénsase nunha orde de subvencións para os concellos que leven adiante proxectos innovadores en violencia de xénero. "Hai que traballar en contextos pequenos", sinalou Adán, "atendendo a diferentes colectivos: se é difícil que a información lles chegue a todas as mulleres, aínda o é máis para o caso de mulleres inmigrantes. O importante é que saiban onde dirixirse cando o necesiten, e tamén que o saiba a cidadanía".

Coeducación e repulsa

A secretaria xeral de igualdade sinalou que o endurecemento das penas non é a solución: "non só existe a vía penal: evidentemente, un maltratador ten que cumprir a súa condena, pero é importante tamén o chamamento á sociedade para que repulse calquera dominación sobre as mulleres e para que se traballe dende a coeducación". O importante é avaliar os resultados: "existen as estatísticas de mulleres que morren, pero tamén as de mulleres que están conseguindo saír desa situación e refán a súa vida. Hai que valorar as dúas cousas. Esta muller, pola que tristemente gardamos hoxe un minuto de silencio, non se puxera en contacto coas forzas de seguridade nin cos servizos sociais. O importante é traballar conxuntamente todos os gobernos implicados e mais a cidadanía". Nestes momentos está a avaliarse o Plan de Igualdade. Antes do 2008 presentarase un informe no Parlamento.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río