Redacción . Un cento de persoas concentrouse en Vigo para condenar a morte da muller de orixe brasileira asasinada na cidade olívica este domingo. Hoxe, rexistrouse outra vítima da violencia machista na localidade valenciana de Ontinyent.
As autoridades locais de Vigo, xunto á secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, gardaron un minuto de silencio este luns na praza do Rei, ás portas do concello. Ademáis da representante autonómica, estaban o alcalde da cidade, Abel Caballero; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez; e outros membros da corporación municipal. Todos eles amosaron o seu rexeitamento aos casos de violencia de xénero e, en particular, ao que aconteceu na cidade olívica. Xa ás oito da tarde na rúa do Príncipe, un cento de persoas participaron na concentración de repulsa convocada pola Marcha Mundial das Mulleres baixo o lema: ‘Contra a violencia de xénero respéctame. Nin unha vítima máis’. O acto incluíu a lectura dun manifesto no que se instaba a “non quedar indiferente ante este asasinato, nin ante as accións que non consideran á muller como persoa de pleno dereito”. Do mesmo xeito, o colectivo organizador xulgou que, con esta nova vítima, “se percibe que nin as leis, nin a xustiza, nin os Servizos Sociais foron útiles” e que “se necesita moito máis” para erradicar a violencia machista. Concentración en Santiago A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, estará hoxe tamén na concentración silenciosa convocada ás doce do mediodía en San Caetano para condenar o mesmo caso. Do mesmo xeito, acudirá a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza. A vítima, de 25 anos e orixe brasileira, será soterrada no cemiterio de Pereiró. Mentres, a súa parella, un home de 44 anos da mesma nacionalidade que confesou o crime, pasará a disposición do Xulgado de Violencia sobre a Muller. Novo caso Esta maña, coñeceuse un novo caso de violencia machista en España co que xa son tres as vítimas por esta causa en dous días. Segundo as primeiras investigacións, o suposto agresor matou a súa parella cunha escopeta e logo se suicidou. Os dous falecidos, o home de 38 anos e a muller de 42, eran de nacionalidade ecuatoriana e residían na localidade valenciana de Ontinyent.
Concentración de repulsa en Vigo polo último caso de violencia machista.
Descargar Tarifas