Redacción . A asociación ecoloxista, próxima aos nacionalistas, asegura que se o Consello da Xunta aproba o Plan Acuícola 'deixará de ser responsabilidade de Pesca [controlada polo PSdeG] e converterase nun proxecto de todo o goberno'.
ADEGA, a principal asociación ecoloxista do país, responsabilizará tamén ao BNG se finalmente a Xunta aproba o polémico Plan de Acuicultura de Galicia. “Se o aproba o Consello deixará de ser responsabilidade de Pesca [controlada polo PSdeG] e converterase nun proxecto de todo o goberno”, advirte o secretario executivo Fins Eirexas. O BNG non aclarou a súa posición O ecoloxista, en declaracións a ANT, quere “lanzar unha mensaxe moi clara ao BNG: se o apoian vai haber críticas para todos”. Dende ADEGA, organización moi próxima ao nacionalismo, explícase que xa se reuniron con parlamentarios do PSOE e do Bloque para advertirlles das consecuencias de aprobaren o documento en época prelectoral. Foi a oposición do Bloque a varias granxas o principal factor que impediu a Pesca aprobar o Plan antes do verán, como comprometera no Parlamento o presidente Touriño. Con todo, o BNG non aclarou se as súas reticencias son fortes abondo como para votar en contra do proxecto dos seus socios de goberno no Consello da Xunta. Manifestación o 28 de agosto Malia os rumores de adianto electoral, Eirexas está convencido de que o Executivo tentará darlle luz verde ao Plan Acuícola o 28 de agosto, na primeira reunión do Consello. De feito, ADEGA comezou a organizar unha cacelorada de protesta para esa data en San Caetano. A organización conta con que acudan moitos colectivos veciñais coordenados na plataforma Galiza non se Vende. Eirexas insiste en que se os conselleiros aproban o proxecto de Pesca “vailles chover críticas de todos os lados”. Agricultura ecolóxica como alternativa O ecoloxista pensa que, malia que a Xunta aprobe o Plan, moitas granxas non se porán en marcha por problemas legais e pola oposición veciñal. En particular, sinala o proxecto de Quilmas, no que unha cooperativa, a Raíña Lupa, lanzou un proxecto de agricultura ecolóxica co apoio da consellaría de Medio Rural.
Unha muller protesta contra a planta acuícola en Quilmas.
Descargar Tarifas