M. V . Os ecoloxistas denuncian que as 'tesoiras da consellaría' recortan a ampliación dos espazos protexidos para non interferir nos proxectos de novos parques eólicos e piscifactorías.
A asociación ecoloxista ADEGA arremete contra a proposta de ampliación da Rede Natura que deseña a Consellaría de Medio Ambiente. O documento inclúe “ocos e esquecementos só explicábeis se superpoñemos a planificación acuícola e eólica”. ADEGA acusa ao conselleiro socialista, Manuel Vázquez, de recortar a “proposta oficiosa” de ampliación da Rede en favor dos empresarios. Así, hoxe denunciou en rolda de prensa en Santiago que “as tesoiras da consellaría entran en acción cando o que se trata é de protexer os intereses das empresas acuícolas”. Laxe Brava perde a proposta de protección En concreto, os ecoloxistas alertan que a Xunta non quere protexer a zona da Laxe Brava, unha das incluídas no polémico Plan de Acuicultura, ao carón do Parque Natural de Corrubedo. “Nunha primeira proposta avanzada en 2007, o espazo ocupado pola piscifactoría ía incluírse na ampliación do parque. Casualmente, na proposta de 2008 Medio Ambiente descatalogou, a pedido de Pesca e os rodaballistas, o espazo xusto para encaixar a macropiscifatoría”. A mesma crítica vai para o Decreto Eólico, que promove a Consellaría de Industria que dirixe o nacionalista Fernando Blanco. “Parques eólicos como o 'Albariño I' en Oia ou 'Muxía II' esquivan a afección aos novos espazos protexidos aproveitando uns sospeitosos 'baleiros' convintemente axeitados para garantir a tan publicitada “afección cero”. No primeiro caso, o novo LIC 'Serra da Groba', que en algúns puntos ten apenas 100 metros de ancho, semella facer 'slalom' entre os muíños eólicos que, casualmente caen sempre fóra do espazo protexido”. “Paso adiante insuficiente” Con todo, os ecoloxistas recoñecen que ampliar a Rede é un “paso adiante”. Iso si, aseguran que o documento filtrado reflicte unha aplicación “insuficiente e que non vai chegar a tempo para impedir a desfeita de espazos naturais con hábitats e especies de interese europeo, sobre todo na costa”. Política Territorial ADEGA acusa a Medio Ambiente e Política Territorial, as dúas baixo control do PSdeG, de atrasar os plans de protección do medio para permitir novas industrias. No caso de Política Territoria denuncia que “non vai ter listo o agardado Plano de Ordenación do Litoral antes do final da lexislatura e a poucos meses (maio de 2009) de que remate a moratoria dos 500 metros para as construcións no litoral”. A Xunta garda silencio ANT Diario ofreceu á Consellaría de Medio Ambiente dar a súa versión sobre as acusacións dos ecoloxistas, pero polo de agora a Xunta preferiu gardar silenzo.
Proposta da ampliación (en azul) da Rede Natura (en verde) que salva o espazo para a nova granxa da Laxe Brava (en vermello).
Descargar Tarifas