Rodri Suárez . O director do Salón do Cómic da Coruña e debuxante, Miguel Anxo Prado, destacou na presentación do evento -que terá lugar a vindeira semana- a aposta por temáticas afastadas do tópico da evasión e que tratan temas como o alzheimer ou o cambio climático. Ademais, a revista 'Retranca' terá xa unha mostra propia.
A pesar do susto inicial, a presenza dun señor maior, con camisa azul, brazo en alto e portando unha enorme bandeira española no lugar onde presentouse o XI Salón Internacional do Cómic da Coruña 'Viñetas dende o Atlántico' non se correspondía cunha volta atrás no tempo nin cun boicot ao acto, senón simplemente se trataba dun figurante dos 17 que, representando personaxes de cómic, se situarán pola cidade durante a vindeira semana con motivo do Salón. O que acompañaba a María Xosé Bravo, concelleira de Cultura, e Miguel Anxo Prado, director de 'Viñetas desde o Atlántico', era 'Martínez el facha' habitual de 'El Jueves', da man de Kim. Non obstante, o núcleo central do Salón pouco terá que ver coas nostalxias propias deste personaxe. Ao contrario, a semana grande da banda deseñada na Coruña estará adicada este ano aos temas sociais. Alzheimer, autismo e cambio climático O evento achegará aos visitantes as realidades do alzheimer, o autismo ou o cambio climático. “Nesta edición o salón está xa maduro e abandona os condicionantes máis pegados ao mercado e ao consumo para fixar a atención neses problemas de profundo calado social, escapando un pouco do tópico do cómic como simple evasión”, explicou o director do Salón, Miguelanxo Prado. De xeito excepcional, este verán 'Viñetas' abandona a súa sede central, o Quiosco Alfonso, e trasládase a "outro espazo emblemático" da cidade, a Fundación Caixa Galicia, pois o espazo habitual se atopa ocupado pola mostra de Alfonso IX sobre o 800 aniversario da cidade, segundo recordou Prado. Non obstante, as salas expositivas da Fundación Caixa Galicia sumaranse a outros recintos xa habituais de 'Viñetas', como Palexco, o Pazo Municipal de María Pita, a sala de exposicións Salvador de Madariaga ou o Aquarium Finisterrae, onde poderá visitarse unha mostra sobre faros en apoio e homenaxe á Torre de Hércules na súa carreira cara o Patrimonio Mundial. O artista convidado do ano pasado, Jean Louis Tripp, foi o encargado de debuxar o cartel conmemorativo desta edición na que participarán autores como Solano López, Mark Buckingham ou Miguel Gallardo. Revista 'Retranca' Tamén contará cun espazo propio en forma de exposición a revista galega 'Retranca', con menos dun ano de vida pero que Prado gabou como “a primeira iniciativa de revista mensual de banda deseñada independente feita en Galiza”.
Bravo e Prado, co cartel de 'Viñetas desde o Atlántico'
Descargar Tarifas