PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
CRUCE DE ACUSACIÓNS
O PSOE quere aprobar o plan acuícola en agosto

Redacción .  O PP denuncia o atraso do documento e o PSOE responde que será aprobado antes de que remate o verán. O grao de oposición real do BNG ao documento, clave para saber se sairá adiante.

Reloxo 07.08.2008 | 18:15

Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG

O PP aproveitou hoxe o atraso na aprobación do polémico Plan de Acuicultura para atacar á Xunta. O deputado Xosé Manuel Balseiro acusou a ao presidente Touriño de “mentir”, pois prometera nun pleno da Cámara que sería aprobado “antes do verán”.

O Bloque parouno no último Consello

Segundo informara ANT Diario, o principal factor do atraso é a negativa do BNG a dar o seu respaldo a varias das novas granxas e ampliacións previstas. De feito, os socialistas tentaron incluír o Plan na orde do día do último Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva, pero a oposición dos nacionalistas na comisión de secretarios sacouno da axenda.

O PSdeG respondeu enseguida ás acusacións do PP indicando que o documento recibirá luz verde antes de que acabe o verán. Cómpre ter en conta que o 28 de agosto está previsto un novo Consello, o primeiro tras as vacacións.

A cuestión clave daquela será se a oposición do BNG é forte dabondo para retirar o seu apoio no Consello. E é que os nacionalistas, malia insistir en que certas plantas deben ser retiradas do Plan, nunca se pronunciaron publicamente sobre un posíbel veto.

O PP fala de danos ás empresas

Nun comunicado, Balseiro apelou a denuncias dos afectados para alertar de que este "atraso" paraliza o sector e obriga as empresas acuícolas a "mirar a outros países para os seus investimentos".

Tamén aludiu ás "numerosas alegacións" presentadas ao borrador do Plan elaborado pola Xunta bipartita -máis de mil-, o que demostra, ao seu entender, o "grande rexeitamento social" que provoca este texto en colectivos veciñais, asociacións ecoloxistas, concellos e empresas do sector.

Segundo o relato do popular, a anulación do Plan de Acuicultura elaborado polo anterior Goberno popular entorpeceu "numerosas oportunidades" para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en moitas áreas do litoral e da costa galega.

Por todo iso, criticou a "ambigüidade" da Xunta neste tema xa que "anuncia a bombo e prato accións que despois non leva a cabo" e, para completar esta afirmación, recordou que a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, anunciara a aprobación do Plan de Acuicultura para o pasado ano 2007.

Achegas dos cidadáns

A Balseiro respondeulle, segundo recolle Europa Press, o voceiro de Pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xosé Manuel Lage, quen asegurou hoxe que o Goberno galego presentará o Plan Acuícola antes de que remate o verán.

Fronte ás críticas da oposición, Lage puxo este Plan como exemplo de "transparencia" e de "participación" xa que, segundo dixo, recollerá unha "parte importante" das achegas feitas pola cidadanía durante a fase de exposición pública do borrador do texto.

A isto contrapuxo a forma na que se aprobou o Plan Acuícola deseñado polo anterior Goberno popular, "de forma clandestina, cun executivo en funcións, sen informes ambientais e cunha nula participación social".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río