Aprendéronnos na escola que a
universalidade do sufraxio foi unha conquista social e por iso non nos sorprendemos cando constatamos, ao repasar a evolución histórica dos sistemas de votación da democracia institucional, que o dereito a votar era privilexio de só unha parte da poboación. Resulta rechamante en cambio atopar que o
segredo do voto non era, inicialmente, requisito necesário no proceso eleitoral: as votacións eran públicas, as persoas que acudían a votar proclamaban en voz alta a súa eleición e o seu voto era consignado xunto co seu nome no rexisto eleitoral.
A primeira innovación tecnolóxicaOs primitivos sistemas de votación foron evolucionando pra garantir a privacidade e combater un problema que perduraría até os nosos días: a fraude eleitoral -inducida tanto polos próprios votantes como polos partidos políticos e mesmo polas autoridades eleitorais.
Precisamente co propósito de resolver estas dúas cuestións introduciríase unha primeira innovación tecnolóxica, que resultaría da incorporación das técnicas reprográficas do momento baseadas no uso da imprenta. Tratábase de facilitar aos votantes formulários normalizados que debían introducir na urna tras consignar neles a súa opción política mediante unha marca -xeralmente unha cruz. Unha vez finalizada a votación, a autoridade eleitoral procedía contar as papeletas obtendo así o resultado eleitoral. O feito de que as papeletas puideran ser revisadas e recontadas permitía a
verificabilidade dos resultados.
Esta innovación foi posta en práctica por primeira vez no ano 1858 xustamente nas nosas antípodas, no estado australiano de Victoria e, aínda que hoxe poida parecernos unha solución tan obvia, foi obxecto de debate e requeriu a introdución de modificacións nas constitucións dos lugares que decidiron implantala. O proceso de introdución da
Australian Paper Ballot a papeleta australiana) tería por protagonista ao sistema eleitoral dos Estados Unidos de Norteamérica, que debería agardar aos anos trinta do século XX para velo implantado de forma masiva.
As máquinas de votarPrecisamente neste último país tería lugar a seguinte innovación tecnolóxica significativa nos sistemas eleitorais. Coa universalización do sufraxio e a xeneralización do sistema australiano como base das democracias contemporáneas aumentaría o número de urnas e o volume de papeletas.
Este fenómeno traería aparellado o incremento das dificuldades relacionadas coa contaxe das papeletas: tanto as referidas á temprana obtención dos resultados de comicios masivos en amplas extensións territoriais, como aquelas referidas á comisión de fraude eleitoral. Facíase conveniente introducir mecanismos de automatización dos procesos de votación e así comezaron a xurdir enxeños de natureza electromecánica.
O primeiro precedente destas máquinas atópase na
Cabina Automática de Myers, empregada no ano 1892 en Nova Iorke. O dispositivo tiña o formato dunha cabina de votación na que o eleitor entraba fechando unha cortina que protexía a privacidade do proceso. No interior podía seleccionar a súa escolla e deixala rexistrada mediante ou uso de palancas mecánicas. Cando abría a cortina pra saír, a máquina volvtaba á posición orixinal e quedaba preparada para rexistrar o seguinte voto seguindo o mesmo procedemento.
Se ben as vantaxes do sistema eran evidentes en termos de privacidade, celeridade na obtención dos resultados e auséncia de problemas na interpretación dos votos, estas máquinas tiñan dous problemas básicos. O primeiro deles radicaba na súa natureza mecánica que introducía unha alta falibilidade e custe de mantenemento debido á gran cantidade de pezas que as compoñían. O segundo problema radicaba na ausencia dun rexistro individual de cada voto, pois só proporcionaban un contador co total de cada candidatura, imposibilitando calquera proceso de verificación posterior.
A pesar dos seus problemas, este sistema foi xeneralizándose nos EUA até convertirse nun sistema estándar de votación que nas eleicións de 1944 chegou a ser empregado por máis de doce millóns de personas. Estas máquinas serían substituída progresivamente por outras que se desenvolverían á par das primeiras xeracións de computadoras.
O primeiro destes sistemas estaba baseado no uso de papeletas de cartón que eran perforadas na cabina de votación por unha máquina antes de ser depositadas na urna. A
Votomatic -o nome da empresa que comercializaba este sistema- comezou a substituir o anterior sistema en torno a 1965 e continuou en funcionamento mesmo diante dos informes que desaconsellaban o seu uso debido ás dificuldades que plantexaba pra interpretar a intención de voto das papeletas parcial ou incorrectamente perforadas. Estes problemas faríanse patentes trasladándose á opinión pública a raíz do
polémico reconto de votos nas eleicións no estado de Florida que no ano 2000 lle outorgaron a presidencia do goberno a George W. Bush.
Ese mesmo problema afectou a posteriores desenvolvementos baseados na leitura óptica das papeletas de votación nas que a opción de voto era marcada manualmente empregando patróns predefinidos ou materiais de marcado específicos. A leitura das papeletas podía realizarse de dúas formas; introducíndoa nunha urna que detectaba a opción escollida e incrementaba o contador correspondente, ou ben remitindo as papeletas a centros dotados con escáneres de alto rendimento capaces de procesar grandes volumes de papeletas así marcadas.
Como curiosade cabe reseñarse que das tres tecnoloxías a única que logrou pervivir até os nosos días foi esta última, que na actualidade continúa a ser empregada para a recollida masiva de datos en formularios normalizados como son as plantillas de respostas para exames tipo test ou os impresos de matrícula nas universidades.
O voto electrónicoA primeira aplicación oficial dun sistema de voto electrónico materializouse coa
Video Voter, o nome comercial da máquina empregada nas eleicións do estado de Illinois no ano 1975 respondendo á definición dos denominados sistemas electrónicos de voto directo. Nestes sistemas a candidatura escóllese entre as que se amosan na interfaz dun dispositivo electrónico nos que a introdución da papeleta na urna é substituída pola pulsación dun botón de validación. O dispositivo ubícase no colexio eleitoral -en realidade cada colexio dispón de varios destes dispositivos- e a autenticidade do voto garántese, previa identificación do votante, mediante o uso dun código que se lle facilita impreso nun papel ou nunha tarxeta que desbloquea o acceso ao terminal.
O impulso definitivo para a implantación destes sistemas de voto electrónico en cabina eleitoral tivo lugar no ano 2002 coa introdución na lexislación norteamericana da garantía de accesibilidade para personas con discapacidades. A entrada en vigor desta lei favoreceu a implantación dun sistema que, dende entón, está a consolidarse en todo o planeta como paradigma do que se coñece como voto electrónico, sendo Brasil o país de referéncia na implantación destes terminais.
Coa xeneralización no acceso á Internet e a implantación dos sistemas de identificación remota, os sistemas electrónicos de voto directo comezaron a incorporar a posibilidade de acceder ao programa de votacións de forma telemática. A identificación do votante realízase introducindo un código electrónico (xeralmente a través dun DNI dotado cun chip no que se almacena un certificado dixital) nunha leitora conectada a unha computadora que, a través da Internet, verifica a autenticidade do certificado desbloqueando o acceso a un sistema central de votación ubicado nas instalacións da autoridade eleitoral. A cidadanía de Estonia vota empregando este sistema dende calquera parte do mundo.
Porén, a progresiva implantación destes sistemas non significa que estén exentos de problemas. Moi ao contrario, podería afirmarse que a súa implantación opera en sentido contrario ao esperado: ao estabelecer barreiras tecnolóxicas comprometen a universalidade do voto, ao establecer mecanismos de autenticación electrónica comprometen a privacidade e comprometen tamén a verificación dos resultados ao empregar software e hardware sometidos a segredo industrial; problemas que non forman parte do terreo das suposicións senón dos feitos comprobados e xulgados, como sucedeu no coñecido
caso Diebold, paradigma da fraude eleitoral electrónica.
Aos problemas do voto electrónico en cabina sería preciso engadir, no caso do voto electrónico telemático, a súa extrema vulnerabilidade ante a suplantación da identidade e ante manipulacións do software tanto na computadora do votante como nos sistemas centrais de procesamento dos datos. Tamén neste último caso as sospeitas confírmanse ao analizar a realidade, e non fai falta ir moi lonxe para constatalo: bastará que nos refiramos ao
caso INDRA, menos coñecido que o anterior pero de maior interese por ter sucedido nunhas recentes eleicións do estado español.