Redacción . Fontes da empresa galega de telecomunicacións resaltan que o núcleo de accionistas é moi sólido, pese a que unha hipotética venda da participación de Unión Fenosa afecta ao 36 por cento do seu capital.
Logo do acordo de onte entre ACS e Gas Natural, hoxe diversos medios analizaron as consecuencias do cambio de dono en Unión Fenosa para o tecido empresarial galego. Destaca o caso da empresa de telecomunicacións R, de quen Unión Fenosa é o máximo accionista cunha participación do 36 por cento. Nas últimas horas algúns medios e analistas veñen asegurando que Gas Natural podería financiar parte da compra de Unión Fenosa coa venta de algúns activos e participacións da propia eléctrica. Entre eles, a citada participación en R. Fontes desta empresa indicaron que aínda é moi cedo como para facer valoracións. De todos os xeitos, as mesmas fontes indicaron que se se produce unha saída tras a fusión con Gas Natural confían na estabilidade do resto dos grupos accionistas, entre os que se contan Caixanova, o Banco Pastor, Grupo Z e Grupo Moll (editora de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), entre outros. R ten máis de 220.000 clientes, dos cales 46.300 son empresas e en 2008 ten comprometidos máis de 700 millóns de euros para mellorar a conexión por fibra óptica en Galiza. Recentemente gañou o concurso para prover as comunicacións da Xunta, que antes prestaba Telefónica.
Descargar Tarifas