PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Tras venderlle ACS o seu 45,3 por cento
Gas Natural faise coa eléctrica Unión Fenosa

Redacción .  O grupo Gas Natural alcanzou un acordo con ACS para adquirir o seu paquete de Unión Fenosa nunha oferta en efectivo que se estenderá ao 100 por cento do capital.

Reloxo 31.07.2008 | 09:02

Florentino Pérez, presidente de ACS Florentino Pérez, presidente de ACS

Gas Natural, co apoio dos seus socios de referencia (Repsol e La Caixa), ofrece 18,33 euros por acción. A oferta valora Unión Fenosa en 16.757 millóns de euros, o que lle permitirá á endebedada construtora ACS ingresar máis de 7.500 millóns de euros na operación.

O Goberno central, que leva dous anos defendendo a idea de crear un "campión nacional" enerxético, amosouse satisfeito co acordo. "Creo que é unha boa nova porque se crea unha grande empresa enerxética española, o que é bo para a seguridade do subministro", dixo o Ministro de Industria, Miguel Sebastián.

Os expertos aseguran que, a efectos prácticos, o acordo acabaría coa posibilidade dunha OPA competidora, tendo en conta que o dono do 45 por cento xa se comprometeu a vender.

Resultado da operación

A integración creará unha sociedade con máis de 20 millóns de clientes e 18.200 MW de potencia instalada en todo o mundo. Ademais, consolidará a presenza da gasista en España e América Latina.

Repsol e La Caixa (a través do seu holding de participacións Criteria), accionistas de control da gasista, xa anunciaron que realizarán aportacións de até 1.903 millóns de euros, no caso da caixa, e de 1.600 millóns de euros, no caso da petroleira.

 

 

Fernando Blanco e Antoni Peris analizan a compra

O presidente de Gas Galicia, Antoni Peris, cualificou este mércores en Santiago de "boa" a decisión da súa empresa matriz, Gas Natural, de adquirir a ACS o 45 por cento de Unión Fenosa, ao considerar que a operación vincula a "empresas sólidas e centenarias" na prestación destes servizos. Este directivo preferiu, no entanto, agardar o consello de administración da compañía, que se está a celebrar.

Así o manifestou en Santiago, logo da actualización dun convenio de colaboración entre a gasista e a Consellaría de Innovación e Industria. A este respecto, o titular deste departamento, Fernando Blanco, confía en que pronto se coñecerán as condicións da operación e instou a agardar a que o novo propietario dos activos da eléctrica "defina unha estratexia" para a compañía. Blanco asegurou, no entanto, que é "prematuro" adiantar a situación na que quedará Fenosa.

Participación galega

Do mesmo xeito que o conselleiro, Peris recoñeceu que, de concretarse a operación, serán necesarias as correspondentes autorizacións das autoridades que regulan o mercado enerxético. O titular de Innovación e Industria admitiu o seu desexo de que haxa participación galega, a pesar de admitir que a actual situación de "crise económica importante" dificultará os investimentos.

Blanco manifestou, en todo caso, a súa confianza de que non se produza unha situación similar á que afrontou Endesa e expresou a súa preferencia de que sectores estratéxicos como o enerxético "non quede en mans de países estranxeiros". Por iso, chamou a que se evite" un caso como o da eléctrica participada por E.ON e a enerxía dependa de "empresas radicadas no país".

Neste momento a presenza de Galicia no accionariado de Unión Fenosa redúcese a un 10 por cento, do que Caixanova ten un 5 por cento, Caixa Galicia algo máis do 3 por cento e Banco Pastor pouco menos do 2 por cento.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río