Redacción . Baixo o lema 'Nunca tal se viu!' celébrase entre hoxe e mañá a sétima edición do Festigal, que este ano chega cun programa ambicioso. Os suecos The (International) Noise Conspiracy e os ourensáns Lamatumbá son os pratos fortes da primeira xornada.
As actividades do primeiro día do Festigal comezan a partir das 11.00 horas na Galería de Cultura Tradicional, unha das novidades desta sétima edición. A primeira das mesas redondas tratará o centenario de Curros Enríquez a partir das 13.00 horas. Os outros debates da Galería das Ideas serán ás 17.30 horas, “Neoliberalismo e crise: na procura de alternativas”, e ás 19.30 horas, “Tres anos de goberno, tres anos de cambio transformador”. Neste segundo participarán Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural, así como o director de Xornal.com, Antonio Sangiao e a xornalista Ana Rodríguez, presentadora do programa da TVG 'Hai debate!', como moderadora. A Galería das Letras acolle a presentación de revistas, libros e un recital poético no que intervirán con Olalla Cociña, Antía Otero, Lorena Souto e Rosa Enríquez, a partir das 18.30 horas. Curtas e documentais O festival organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova contará coa colaboración da Sala Nasa, onde se proxectarán nesta primeira xornada 15 curtas e documentais. A posta en valor da cultura galega, o debate de ideas e o intercambio cultural serán os alicerces do evento, que coincide co Día da Patria e coas festas locais en Compostela. Os asistentes poderán visitar dúas exposicións, postos de venda de libros e outros materiais e tamén gozar das actuacións de varios grupos de música tradicional e jazz que actúan no café-concerto. Por último nesta primeira xornada, a partir das 23.00 horas da noite intervirán os estradenses Nao, seguidos do grupo parisino de electric-jazz Caravan Palace.
Imaxe do Festigal do ano pasado
1 / 2
Descargar Tarifas