Redacción . O Mundoclown 2008 achegará o mellor do clown internacional á cidade olívica nas próximas semanas, na antesala das Festas da cidade. Esta edición, xa a novena, do Festival Internacional de Clown, de Galicia, que até agora tivera lugar en Pontevedra e Compostela, será máis curta no tempo, pero non menos intensa, e servirá como ponte cara ao Festiclown09, que fixará a sede definitiva do evento en Vigo.
Cartel do Mundoclown
Anunciárono esta mañá en conferencia de prensa o concelleiro de Cultura de Vigo, Xesús López, Francisco Rei, de Coper@ctiva Cultural, e Yolanda Díaz, representante da Obra Social Caixa Galicia. Até agora, o equipo creador e organizador do Festiclown puxera en marcha o festival Mundoclown en dúas ocasións, Mundoclown 2003 (Pontevedra) e Mundiclown 2005 (Segovia). Agora, o Mundoclown 2008 encherá as rúas viguesas de teatro, risa e humor, concentrando 80 espectáculos en catro días, en espazos como a Praza da Constitución, a rúa do Príncipe e a zona peonil do Calvario. Ás 12.00, 13.00, 18.00, 19.00, 20.00 e 21.00, pallasos e pallasas de todo o mundo inzarán Vigo e escorrentarán o aburrimento.
Esta edición de Mundoclown está dedicada á figura do recentemente falecido Carlo Colombaioni, quen fora padriño e aval internacional do Festiclown por todo o mundo e que axudou a formar e a dirixir ás primeiras compañías estábeis de clown en Galiza, como Os Sete Magníficos máis Un. O sábado 2 de agosto, ás 22.00, a Praza da Constitución acollerá unha sentida homenaxe de artistas, alumnado e entusiastas de Carlo Colombaioni, para lembrar a figura deste grande do clown.
Amais, Formaclown terá lugar no Conservatorio de Música do Castro e traerá a Vigo cinco cursos impartidos polo "mellor mestre de clown en vida”", Philippe Gaulier; Jango Edwdars, "o clown mais tolo do universo"; Blanca del Barrio, "a asistente de Marcel Marceau"; Claudia Contin, "considerada a mellor arlequino da escena contemporánea internacional"; e Antón Valén,"o clown que namorou o circo du Soleil e a Slava". Foron xa máis de 70 as solicitudes recibidas, dende diferentes lugares de Galiza e o resto do Estado, Portugal, Francia, Italia e mesmo Sudamérica.
O evento tamén acollerá o Certame Intergaláctico na modalidade de exterior para aquelas compañías de teatro que queiran presentar o seu traballo e ser valoradas polo público asistente ao Mundoclown Vigo 2008. As compañías participantes recibirán unha cantidade económica en concepto de bolsa de axuda. Finalmente, o Maraclown solidario, que terá lugar o domingo día 3 de agosto ás 20.00 na praza da Constitución, servirá para a recadación de cartos para varias iniciativas de carácter social.
Descargar Tarifas