M. V . A sobriña do magnate é unha das principais investidoras na inmobiliaria Martinsa-Fadesa, na que participa canda o seu marido, ex-director xeral de Inditex.
O ex director xeral de Inditex, Juan Carlos Rodríguez Cebrián. marido de Dolores Ortega, na xunta de accionistas de Martinsa-Fadesa
Na OPA da madrileña Martinsa sobre a galega Fadesa, Aguieira de Inversións fíxose co 8,7% das accións da inmobiliaria. Detrás desta firma están Dolores Ortega, sobriña de Amancio Ortega, e o seu marido, ex director xeral de Inditex, Juan Carlos Rodríguez Cebrián.
Segundos a bordo
O matrimonio adquiriu 34.262 accións nas que gastaron 158 millóns de euros. Son, tras Fernando Martín (60,03%) e Antonio Martín Criado (15,11%), os que máis poder teñen no actual Consello de Administración de Martinsa-Fadesa, segundo figura nos informes públicos da CNMV.
Dolores Ortega e Juan Carlos Cebrián entraron a ampliación de capital de hai un ano, á que tamén se apuntou Caixanova. A entidade financeira galega investiu menos, 22 millóns, e posúe en torno a un 1 por cento do capital. Abondo para tamén estar representada no Consello de Administración.
As accións caen un 80%
A ampliación de capital produciuse en marzo do 2007, nove meses antes da OPA. Daquela as accións valían 35,7 euros. Cando a firma foi apartada da cotización na bolsa, os títulos andaban polos 7,3 euros, un 20 por cento do prezo que tiñan na ampliación.
Polo tanto, o valor das accións acumuladas por Dolores Ortega e o seu marido rexistran unhas perdas potenciais de 127 millóns. No caso de Caixanova trataríase de 17,6 millóns.
Descargar Tarifas