PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Suso
Baleato
Administrador de Sistemas
A Unión Europea aposta polos estándares abertos e o software libre
Do Berlaymont á Tour Madou
Paseniño van desaparecendo as notícias que a semana pasada conseguían traspasar o muro de siléncio imposto nos meios de comunicación audiovisual sobre o proceso de construción da Unión Europea. Non deixa de ser rechamante que a presenza de Europa en titulares e comentários de opinión pareza estar supeditada á mesma premisa que condiciona a presenza de Galiza: a de proxetar un estereotipo negativo que xenere rexeitamento por estar -supostamente- alicerzado en valores antagónicos aos da própria identidade.
 27.06.2008 | 19:53

Tour Madou Tour Madou. Xesús Manuel Benítez Baleato (Suso Baleato) 2008

Saio do Berlaymont -singular edifício que representa o buque insígnia da Comisión Europea- coa satisfacción de estar a participar na posta en marcha do OSOR (centro europeo do software libre) e, sobre todo, co orgullo de comprobar cómo este centro está a ser construído a imaxe e semellanza dunha inovazón netamente galega: a que representa Mancomún en matéria de promoción do software libre dende o eido institucional.

Ao día seguinte deberei viaxar por uns días á Galiza antes de voltar novamente a Bruxelas polo que me dispoño a despedirme da galeguidade que me fixo de anfitriona e guía nestes anos de canear corredores e pasadizos nesta labiríntica metaestrutura política e administrativa que é a Unión Europea no meu traballo a prol da sustentabilidade tecnolóxica. O encontro prodúcese no vestíbulo do Goethe Institute onde, no acto floral que marca o fin de curso académico, celebro o meu aprobado en alemán descubrindo que os hoxe poderosos habitantes de Flandres eran onte considerados cidadáns de segunda e menosprezados pola súa língua... até que unha crise económica ben xestionada logrou virar as tornas.

Penso niso durante os días de tránsito na Galiza, onde comprobo que a crise económica por fin comeza a ser chamada polo seu nome e que aumenta o número dos que atopamos no caso de Vlaanderen un espello idóneo no que reflexar a própria deformidade, abordando a cuestión lingüística dende o enfoque da política. Xa de volta a Bruxelas, un kioskeiro asiático do Matongué déixame abaneando cando afirma recoñecerme como auténtico bruxeliense: polo facto de levar simultáneamente un exemplar do francófono Le Soir e outro do flamenco De Standaard, descoñecendo que este último levábao como presente para quen me introduciu na casuística belga, un deses 'cerebros' (talentos en realidade) que non é que vaia fuxir, é que os botamos -e despois aínda nos habemos queixar.

Con esa bruxeliense sensación entro na Tour Madou, outro dos edificios singulares que albergan actividades congresuais e formativas da Comisión Europea que, nesta ocasión, me convida para participar na presentación dos primeiros avances da revisión do Marco Europeo de Interoperabilidade da IDABC.

A orientación que a Comisión Europea lle dea a este Marco ten a súa importáncia por que sinala o camiño que seguirá a Unión Europea coa súa política industrial e tecnolóxica no próximo quinquenio. Podía pasar de todo; podían ter prevalecido as teses neoliberais que identifican na interoperabilidade un obstáculo para a construción da Unión Europea; podía terse rendido a Comisión ante as presións da industria do software norteamericana para aceitar o carácter "aberto" dos seus estándares defectuosos e fraudulentos; podía optarse por unha solución de continuidade ou podía aprofundarse na consideración dos estándares abertos e do software libre como garantía de interoperabilidade, e por tanto, para a construción dos servizos paneuropeos de goberno electrónico.

Finalmente, quedou meridianamente claro que a Unión Europea non só manterá a súa política de promoción de servizos de goberno electrónico baseados nunha interoperabilidade cifrada no uso de estándares abertos e no aproveitamento do software libre, senón que estes dous últimos conceitos pasan a un primeiro plano para seren obxecto de atención e de estudo en profundidade nesta revisión do Marco.

Está claro que o proceso de construción da Unión Europea ten os seus déficits, pero visto que o discurso dominante nos media é máis ben tendente a alicerzar as nosas sociedades dunha eurofobia potencial, compre facer un esforzo pra visibilizar as súas vantaxes; a cobertura que lle está a dar ao software libre e aos estándares abertos é unha delas, a amplificación do discurso altermundialista é outra... e cincuenta anos sen guerras fraticidas tamén.

A posibilidade de que nun futuro cercano o noso idioma poida oficializar a súa integración nos mecanismos de gobernanza a igual que o noso corpo xurídico e administrativo non debería perderse de vista; en especial á vista dos resultados de cincocentos anos de integración nese estado-nación tan hábil para camuflar de victorias eurovisivas e futbolísticas os seus fracasos económicos, políticos e sociais. A ratificación do Tratado de Lisboa poderá contarse entre eles se, enfrentando a eurofobia dominante, non conseguimos inducir dende a cidadanía e as institucións públicas o necesario cambio de rumo que o proceso de construción europea precisa.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río