Redacción . O satélite galego está en proceso de investigación. Para algúns, o nome debería ser DIESTE, igual que o proxecto universitario que o desenvolve. A Xunta púxolle Xatcobeo para favorecer o turismo e a implicación co Ano Santo e tamén para evitar confusións con outra iniciativa científica europea que, casualmente, se chama como o autor de 'Dos arquivos do trasno'.
O grupo municipal do BNG de Rianxo vén de presentar unha moción de apoio ao mantemento do nome de DIESTE para o primeiro satélite galego. Esta iniciativa ten a finalidade de instar a Xunta de Galicia para que manteña o nome escollido nun primeiro momento, na que se salienta a figura de Rafael Dieste como escritor rianxeiro universal. Segundo o BNG, non hai ningunha explicación entendíbel para o cambio de denominación do satélite DIESTE polo de de Xatcobeo. Engaden na moción que suporía un “menoscabo” á figura do literato de Rianxo. Pola súa banda, a Presidencia da Xunta , a través do Gabinete de comunicación, indicou que o cambio de nome do aparello espacial obedece a razóns de tipo científico, que nada teñen a ver cos argumentos que esgrime o BNG de Rianxo. Segundo explicaron, o apelido do célebre escritor galego coincide coas siglas, en inglés, doutro proxecto espacial xa existente, polo que se levou a cabo un cambio de denominación que tan só lle afecta ao aparello que se lanzará ao espazo. As mesmas fontes sinalaron que o proxecto global desenvolvido pola Universidade de Vigo e RETEGAL manterá o nome de Dieste.
Un satélite en órbita
Descargar Tarifas