Redacción . Como xa nos adiantara a sobriña de Antón Alonso Ríos, Xulia Carballo, nunha entrevista, existía interese por levar a historia do mestre republicano e deputado galeguista ao cinema, máis concretamente, a súa estratexia para fuxir do fascismo, disfrazado dun mendigo portugués que saíu do seu maxín: Afranio de Amaral. Da man de Alén Filmes e coa dirección de Víctor Coyote, Luís Tosar interpretará ao falso esmoleiro en 'Afranio'.
A súa aventura, narrada en O Siñor Afranio ou como me rispéi das gadoupas da morte: memorias dun fuxido, editado por Castrelos no 79, na colección Pombal, e por A Nosa Terra no 1996 e no 2006, en "O fardel da memoria", comezou coa sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Alonso Ríos, daquela en Tomiño, participa na formación dun comité de defensa da República, e organiza a resistencia en Tui. Acólleno, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Tarroña, onde fica agochado dende o 31 de xullo até o día 11 de agosto. Marcharon uns días por medo a que os atopasen, e volveron o 14 de agosto para quedar cinco días máis. Cando souberon que lles andaban detrás de tal xeito que incluso o cacique xudicial de Tui, Pablo Bugarín, ofrecera 50.000 pesetas por Alonso Ríos, os dous republicanos sepáranse, e Alonso Ríos bota a andar polo monte. Os pasos do Siñor Afranio en imaxes O audiovisual galego devecía por contar esta impresionante historia en imaxes. Agora, Alén Filmes contactou co artista Víctor Coyote, que xa dirixiu dous documentais localizados na fronteira miñota: Só Concertinas e Traballadores do contrabando. O documental segue a clásica estrutura de road-movie, seguindo os pasos do Siñor Afranio a través de reconstrucións e entrevistas. No primeira caso, será Luís Tosar quen encarne ao protagonista. E en canto ás entrevistas, o filme conta co testemuño de Mario Rodrigues, de 76 anos, fillo de Isaura Gómez de Otero, a muller que acolleu a Afranio en Lisboa, ou Manuel Barreiro, de 92 anos, e fillo do sancristán de Forcarei, quen conta que seu pai sempre dicía sobre Afranio: "Este non é un pobre de verdade, nótollo na forma de asearse".
Portada d'O Siñor Afranio ou como me rispéi das gadoupas da morte' (Edicións A Nosa Terra, 2006)
A vida no monte cámbialle o aspecto totalmente: queda moito máis delgado e con barba, difícil de recoñecer, así que decide facerse pasar por esmoleiro, e así percorre Gondomar, as Gándaras de Budiño, Budiño, Salceda de Caselas, As Neves, A Cañiza, Melón... Pero antes as preguntas que lle empezaban a facer, optou por crear unha identidade nova: a dun mendigo chamado Afranio de Amaral (como un naturalista brasileiro), que nacera en Lisboa e dende os cinco anos percorría Portugal pedindo en compaña de seu pai, que morreu cando tiña sete. Daquela púxose a traballar cun telleiro da Guarda, até que o colleron como criado nunha casa de Quiroga, mais colle a peste de 1918 e bótase aos camiños de novo. Con toda esta historia, dábase tan pouco a pobre que lle chamaban "Siñor Afranio".
Logo de dous intentos frustrados, consegue chegar a Portugal: pasa un mes agochado nunha cova da serra da Peneda, e por fin chega ao Porto, onde pasa varios meses, e despois vai a Lisboa. Embarca para Casablanca e dende alí para Bos Aires no Lipari. En Montevideo, no 44, funda o Consello de Galiza, xunto a Castelao, Elpidio Villaverde e Suárez Picallo.
Descargar Tarifas