Redacción . As curvas que presenta un vial do Concello de Poio é o motivo polo que unha rúa da parroquia de Raxó leva por nome Rabo de Porco. O topónimo vai ser cambiado por Mansiño logo de que un grupo de veciños iniciase unha campaña para conseguir a modificación da denominación.
As curvas déronlle nome a Rabo de Porco, un vial da parroquia de Raxó.
A comisión municipal de Urbanismo vén de estudar a proposta dun grupo de veciños que viven en Rabo de Porco para cambiarlle o topónimo do vial no que viven. E é que algúns dos habitantes láianse das continuas mofas que reciben cada vez que alguén lles pregunta polo seu enderezo. Os que iniciaron a campaña para cambiarlle o nome ao vial apuntan que Rabo de Porco non se corresponde coa denominación tradicional, que segundo revelan era Portería.
Pola contra, outros veciños defenden o topónimo e non ven motivo ningún para que modifiquen a denominación que “leva toda a vida”. Pola súa banda, o alcalde do Concello de Poio, Luciano Sobral, asegurou a semana pasada que o topónimo é Rabo de Porco dende hai moitos anos, “eu lémbroo así toda a vida”. Segundo Sobral, o grupo de veciños que pediu o cambio de nome do vial xa o tentara modificar hai anos, aínda que daquela non se aprobara a nova denominación.
Mansiño, a nova denominación
A petición do cambio de topónimo, foi aprobada polos concelleiros a pasada semana. Na comisión municipal de Urbanismo acordouse que a nova denominación do vial será Mansiño, logo de que os veciños propuxeran este nome xunto a Portería ou Quinta. Agora, a modificación terá que ser aprobada no Pleno. A continuación, deberá publicarse no boletín oficial e no padrón municipal. Así que durante os vindeiros meses o futuro Mansiño seguirá a ser Rabo de Porco.
Descargar Tarifas