PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
Suso
Baleato
Administrador de Sistemas
Galiza no proceso de construción electrónica da Unión Europea
Tractorada en Bruxelas
Atrás queda o balbordo do Matongué, ise bairro da Bruxelas popular, aberta e cosmopolita que baixo o lema de 'Ponte de Namur en Fete' convoca as celebracións festivas deste solstício de verán. Mais non será o do ciclo solar o único momento cenital ao que asistiremos transeúntes nesta cidade.
 20.06.2008 | 11:24

Tamén os momentos económico, político e social semellan converxer poderosamente cara un ponto de inflexión no proceso de construción da Unión Europea dende que este se iniciara nas reunións federalistas das que Castelao fora partícipe e observador atento; moito máis, compre dicelo, do que cincuenta anos despois amosan estalo moitas persoas que, con responsabilidade política, tenden a intervir nos asuntos comunitarios cando o momento semella propicio pra facerse a foto; se cadra aquela na que agardan seren recoñecidos/as polas miradas atentas que nos aparatos dos partidos deciden quen debe -e quen non- ser asociado cun díxito ordinal nas listas electoriais das europeas de turno.

Non foi dende logo ise o caso do Comisário de Mercado Interior, Charlie MacCreevy, quen tivo o desacerto -ou alomenos a honestidade- de recoñecer non ter sequera lido o texto do Tratado que o seu país rexeitara adherir. Coa polémica provocada polas súas declaracións abundaba o Comisário nese relato que, sobor do proceso de construción da Unión Europea, alterna entre o escándalo provocado polas cada vez menos disimuladas pulsións neocon da Comisión Europea -baste para mostra o botón da xornada laboral de 65 horas- e a fariseica adhesión ás demandas dunha alterglobalidade que, a pesares de aldabonazos como os da Directiva Retour, continúan a resonar dende o Parlamento Europeo; relato que se viña aderezar coa estratexia da confusión inducida polas grandes operadoras europeas de telefonía móbil que, a través dos meia, magnifican amenazas ao consumidor para manter o sustancioso negocio baseado na usura do roaming. Situemos agora este caldo de cultivo eurofóbico no contexto nun proceso inflacionario provocado por unha burbulla inmobiliaria que denega o direito básico á vivenda e que, ao rebentar, contribúe agravando a situación mercede ás inxentes transfusións de capital ao agoniante sistema financieiro internacional; e non esquecemos engadirlle os efectos da emerxente burbulla do petróleo que, ao tratar de ser contrarestados mediante o uso dos biocombustíbeis, en incrementa o custe das materias primas vexetais dexenerando en crise alimentaria que deixa sen comida a inxentes poboacións de África, Asia e América do Sul.

Así as cousas pouco semellaría este un momento propicio para aprofundar no proceso de construción da Unión Europea e moito menos para presupoñer que puidera o noso pais estar a contribuir nel, desprovista a Galiza dunha estructura estatal propia e sumida nas folgas do transporte e das pescas que nestes días sitiaban o Quartier Europeenne no que se concentran os edificios das principais institucións comunitárias. Porén, de novo o Gallaecia Fulget quedaría impreso no frontispicio baixo o que o día de mañá a cidadanía europea recoñecerá os alicerces da súa cotidianidade.

Foi con ocasión da posta en marcha, no inicio desta semana, de dúas iniciativas de grande trascendencia para o futuro da UE: o SEMIC -Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica- e mais o OSOR -Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre-. A posta en marcha destes dous centros sinalan un fito de grande trascendéncia no camiño cara a unidade efectiva dos mecanismos de intercambio de datos entre os distintos corpos administrativos da Unión Europea. A través do OSOR consolídase o interese comunitario pola reutilizacion do software das administracións públicas mediante a liberación do seu código fonte; e a través do SEMIC ábrese o camiño que fará posibel definir as necesarias relacións entre os conceitos xestionados polos procedementos administrativos, xurídicos e financieiros que, sendo comúns nas distintas culturas e línguas que conforman esta Europa diversa e poliédrica, son expresados en cada unha delas de xeitos non sempre equivalentes.

Trátase por tanto de facer posibel a implantación duns servizos paneuropeos de goberno electrónico (PEGS) capaces de interoperar entre a cidadanía, as empresas e as administracions públicas fornecendo a cada utente dunha interfaz para acceder aos sistemas de goberno electrónico comunitario acorde aos seus próprios parámetros culturais. Resulta inmediato intuir que a cuestión lingüistica subxace na implantacion e uso deses servizos; por unha parte por que a presenza ou non dun idioma neles reflexará de forma fiel o encaixe que o corpo xurídico e administrativo dun determinado país poida acadar no conxunto desa metaestructura estatal que é a Unión Europea; e por outra polo impacto que a cotidianidade no uso deses servizos terá na normalización dun idioma determinado.

Pois ben: ahí está o noso idioma presente dende iste momento fundacional. No caso do OSOR a traverso das interfaces do software en galego que o noso cognitariado produce e comparte co mundo; e no caso do SEMIC, máis importante aínda, a través do único recurso semántico proveído dende o estado español: unha taxonomía de software que como característica principal reviste a de estar no idioma proprio de Galiza [1]. Poderá continuar o Estado español a obstaculizar a integral oficialización do noso idioma no seo institucional europeo? Dous días despois sería o proprio Comité das Rexións da UE quen aprobaría un ditame para o recoñecemento do galego en tanto que língua oficial dunha rexión europea.

Queda moito camiño por percorrer para lograr a normalidade lingüística e institucional do noso pais. Seguramente poderemos atallar e aforrar custes empregando a versión internacional do noso idioma; mais en tanto persista a anormalidade ortográfica na que estamos obrigados a viver, empreguémola como ariete para abrir as portas que pretendan pecharse ao recoñecemento da nosa existenza.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río